Sanxenxo 'ficha' a Panorama tras asumir a organización das Festas de San Roque

Wait 5 sec.

Portonovo manterá os seus festexos patronais, as Festas de San Roque, pero farano cunha novidade. Será o propio Concello de Sanxenxo o que asuma a súa organización. Faino despois de que nos últimos oito anos contribuíra a financiar estas festas pero sen intervir na súa organización. Algunhas decisións tomadas nestes anos, segundo o goberno municipal, "acabaron trastornando a vida diaria dos veciños" e prexudicando a actividade turística de Portonovo "nunhas datas vitais para a súa economía". Por iso é polo que, de cara a revitalizalas, o Concello introducirá unha serie de cambios na edición deste ano, que durarán cinco días como era o tradicional, entre o 14 e o 18 de agosto. Con esta decisión, o goberno municipal busca que se evite "prolongar artificialmente" estas festas, algo que "alternaba a normalidade" de Portonovo. Ademais, non se vai a suprimir o aparcadoiro do varadero e as atraccións terán unha nova localización en Rafael Picó, entre a rotonda e a Rúa Espiñeiro, e no parque. O acceso á vila, pola súa banda, farase pola rotonda da Rúa do Río e a Rúa Areal. Os cinco días de verbena celebraranse fronte á lonxa, pero este ano só se instalarñan dúas barras para a venda de bebidas, unha do club de fútbol e outra do club de piragüismo, colaborando con estas entidades sen prexudicar á hostalaría da vila. As Festas de San Roque comezarán o 14 de de agosto cuns pasacalles de Gatiños e Lembranzas (10:00 horas) -que se repetirá todos os días-, a actuación de Máis Cantos de Nelson Quinteiro (12:00 horas) e o espectáculo Portonovo Canta (13:30 horas). A tradicional sardiñada popular (12:00 horas), que será gratuíta, e unha verbena con Magos e o DJ Paco Vulkano (22:30 horas) completarán esta primeira xornada. O venres 15 será a misa na igrexa parroquial de Adina en honra a Santa María, cantada pola Coral polifónica Santa María de Adina (12:00 horas), e a verbena correrá a cargo do Grupo Area e dun espectáculo tributo a Joaquín Sabina (22:30 horas). O día grande, o sábado 16, comezará coa misa na capela en honra a San Roque (11:00 horas), o encontro de imaxes acompañado de Banda de Música de Sanxenxo, Gatiños e Lembranzas (12:00 horas) ou o concerto da Banda de Música de Sanxenxo (13:00 horas). Haberá misa tamén pola tarde (19:00 horas) cantada pola Coral polifónica Santa María de Adina e á noite (22:30 horas) será a verbena coas orquestras Capitol e Stereo. A xornada concluirá cun espectáculo pirotécnico. O domingo 17 actuará a Banda de Música de Redondela na Casa de Don Fernando (13:00 horas) e haberá misa na capela de San Roque (19:00 horas) en honra á Virxe do Carme cantada pola Coral polifónica Santa María de Adina. O baile dos Gatiños á Virxe do Carme e a verbena nocturna (22:30 horas), que ofrecerá os concertos de Pili Pampín e a orquestra Panorama, levarán a festa até a madrugada. A festa concluirán o luns 18 de agosto co Día do Can, con concertos na praza Méndez Núñez (13:00 horas), xogos populares para todas as idades (18:00 horas) e a verbena que porá o broche de ouro (22:30 horas) coas orquestras Kubo e La Ocaband.