A área de Pontevedra perde un novo centro escolar. Trátase da escola unitaria de Romariz, en Soutomaior. É un dos sete centros que pecharán as súas portas en Galicia. Así o anunciou a Xunta de Galicia, que vén de completar a adaptación do mapa escolar galego á evolución demográfica para o vindeiro curso escolar. Este traballo elaborado por Educación determina que deixen de funcionar sete escolas unitarias por falta de alumnos. Unha delas é a de Romariz, na que os responsables educativos apreciaron unha matrícula "insuficiente" e sen previsión de incremento. Alí só había tres nenos matriculados. Os nenos deste centro teñen xa praza no colexio de referencia máis próximo. As outras escolas unitarias que pechará Galicia este ano están situadas en Arteixo, Muros, Porto do Son (2), Vimianzo e Negueira de Muñiz. Estas unitarias non acadan os cinco alumnos, o número mínimo que a Xunta rebaixou nos últimos cursos, posto que anteriormente estaba establecido en seis. Outras tres, unha delas en Moraña, a de Lamas, permanecerán abertas durante o curso 2025-2026 a pesar de ter unicamente cinco matriculados.