Unha muller foi rescatada da auga nunha praia do Grove por dúas persoas que practicaban paddle surf e que a atoparon inconsciente. O suceso, segundo informou o 112 Galicia, produciuse sobre a unha e media da tarde, nas inmediacións da praia da Barrosa, en San Vicente do Mar. Un dos rescatadores foi o que chamou á central de emerxencias, alertando de que a vítima, que estaba a nadar na praia, golpeárase a cabeza e estaba inconsciente. A muller, que foi trasladada a terra, foi atendida polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e foi evacuada a un centro hospitalario. No momento deste traslado xa se atopaba consciente. Até o lugar desprazáronse tamén Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia, efectivos do GES do Grove e axentes da Garda Civil e da Policía Local. ACCIDENTE EN VILANOVA Xa pola tarde, o 112 Galicia atendeu tamén outra emerxencia en Vilanova de Arousa, neste caso a un traballador que resultou ferido ao rebentar un dos pneumáticos dun elevador para embarcacións no porto deportivo. O implicado, que quedou inconsciente tras a explosión, foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago nun helicóptero medicalizado do 061. Os feitos ocorreron sobre as 16:30 horas e no operativo participaron tamén Garda Civil, Policía Local e voluntarios de Protección Civil de Vilanova.