Lupe Murillo: "Con 14 xogadores en plantel o adestrador dinos que con 5 ou 6 máis pecha"

Wait 5 sec.

Ademais de para concer a situación económica a 30 de xuño de 2024, a Xunta Xeral de Accionistas do Pontevedra Club de Fútbol celebrada este mércores na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón serviu para coñecer pequenos detalles sobre a planificación deportiva da próxima tempada. Neste sentido a presidenta granate, Lupe Murillo, arroxou algo de luz sobre os movementos que está a realizar a entidade nun mercado de fichaxes "moi complicado" polas altas esixencias económicas de moitos futbolistas. "A día de hoxe con 14 xogadores en plantel di o adestrador que con 5 ou 6 pecha, non necesita 25 fichas e que vai tirar da canteira", recoñeceu a dirixente. Ademais Muriilo abriu a porta á chegada de xogadores a préstamo doutros equipos ante a dificultade de convencer a futbolistas en idade sub-23. "Imos ter este ano por primeira vez, que eu non son partidaria, algún cedido", avanzou Murillo, e é que "nunca antes vimos xogadores sub-23 e mozos que saen de equipos grandes e están a esperar para xogar no estranxeiro", criticou. De feito "ofertamos por algún xogador hai mes e medio e seguimos esperando a que diga si si ou si non", afirmou poñendo como referencia que "hai un xogador que o ano pasado gañaba unha cantidade e que sei que lle pagaron 80.000 euros máis na mesma categoría". Lupe Murillo colocou tamén o foco no malgasto dalgúns equipos, e é que "o 90% dos clubs de Primeira RFEF ten patrimonio neto negativo, é dicir, que deben máis do que xeran, e iso é un problema para a categoría", mentres que o Pontevedra está "nese grupo de orzamentos equilibrados competindo neste mercado". Aínda así, avanzou, "se mañá vén un xogador que o director deportivo quere, que o adestrador quere e non nos queda máis remedio que apostar, se cadra apostamos". Entre esas posibles apostas "estamos a esperar a moitos xogadores que en teoría van baixar de Segunda e Primeira e que poderemos tentar captar", adiantou a presidenta. DEREITOS DE TELEVISIÓN A máxima representante do Pontevedra explicou ademais a situación dos dereitos televisivos e as rentransmisiones dos encontros, que este ano van estar a cargo da Liga de Fútbol Profesional (LFP) a cambio de 5 millóns de euros a repartir entre todos os equipos da categoría en función de varios aspectos, como as audiencias. Neste sentido "estou tranquila porque hai tres anos eramos o sexto club con máis audiencia da categoría", sinalou. Os horarios de feito serán fixados pola propia LFP. Murillo destacou tamén a renuncia a asinar a pasada tempada coa Televisión de Galicia (TVG), e é que "hoxe me felicito por tomar esa decisión. As taquillas en Pasarón foron moi superiores e a xente enganchouse ao equipo", defendeu. A presidenta detallou que ademais da rebaixa a 40.000 euros do convenio proposto pola TVG, existía unha cláusula para que a canle televisiva puidese fixar unilateralmente os horarios dos partidos e que no caso de negarse "rebaixábannos 1.000 euros cada vez".