O ciclismo galego volveu destacar a nivel nacional na localidade granadina de Baza, onde este fin de semana celebrouse o Campionato de España de Cros Countri Olímpico (XCO). Alí, a gran protagonista foi a marinense Lorena Patiño, que volveu subirse todo o máis alto do podio na categoría júnior, sumando o seu cuarto título estatal consecutivo coa Selección de Galicia. Patiño, dobre campioa como cadete e defensora do título logrado en Huelva o ano pasado, ofreceu un auténtico recital. Xa na primeira do catro voltas ao circuíto David Valero logrou escaparse en solitario, rodando con máis de 20 segundos de vantaxe respecto das súas perseguidoras. Cruzou a meta en primeira posición cun tempo de 1 hora 8 minutos 58 segundos segundos, avantaxando en 2 minutos 15 segundos a Irene García (Andalucía) e en 3 minutos 29 segundos a Kyra Gali (Cataluña). A ciclista marinense estivo acompañada na proba polas súas compañeiras de selección Lara Pita (11) e Elba Hermida (31). Outro dos grandes nomes galegos en Baza foi o do carballiñés Alejandro García, que logrou a medalla de prata en categoría sub-23, repetindo o podio conseguido en 2024 como júnior. Na súa primeira tempada na nova categoría, o corredor do Mondraker Factory Racing completou unha gran carreira, manténdose nos postos de cabeza desde a saída. Beneficiado pola caída e abandono de Aniol Morell, con quen disputaba o subcampeonato, García apertou nas últimas voltas para finalizar segundo, a só 40 segundos do gañador, o hispano-francés Thibaut François (Canyon), e con 17 segundos de vantaxe sobre Francesc Barber (BH Coloma), terceiro. Os seus compañeiros na sub-23, Martín Díaz e Denis González, terminaron nas posicións 28 e 31, respectivamente. Ambos participaron tamén na proba de Short Track (XCC), na que se clasificaron nos postos 15 e 20. O último metal conseguido polo combinado galego chegou da man de Manuel Parada, do CDM Xesteiras, que se colgou a medalla de prata na categoría máster-30B de XCO. O ribeirense cruzou a liña de meta cun tempo só 42 segundos por detrás do vencedor Gonzalo Huerta (Comunitat Valenciana) e foi ademais cuarto na clasificación máster-30 absoluta.