O Leis Pontevedra está máis vivo que nunca. Despois dunha tempada que finalizou coa súa participación no play-off de ascenso a Segunda División, o club pontevedrés inicia con ánimos renovados un novo curso no que o seu obxectivo é o de seguir crecendo e recuperando o impulso perdido. Como indica a lema escollido para a súa nova campaña de socios, "a historia continúa" 25 anos despois da súa fundación. "Para seguir crecendo é necesario que todas as persoas da cidade nos impliquemos", destacou a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, na presentación do vídeo elaborado especialmente para a ocasión por Javier Piñeiro e Diego Avelaíña. Ver esta publicación en Instagram Una publicación compartida por Exlabesa Leis Pontevedra FS (@exlabesaleispontevedra) "Queremos enfocar o que é a afección, esa masa social que aos poucos imos xerando", explicou José Barcala desde a directiva do Leis. Unha homenaxe a eles porque "o maior dos triunfos foi recuperar o fútbol sala en Pontevedra", sinala sobre a etapa iniciada pola nova directiva da entidade deportiva fai xa case dous anos. Na actualidade "contamos con 12 equipos e estamos a ver si podemos sacar un máis, fronte aos 7 de hai dúas tempadas", engadiu. No que respecta á campaña de socios os carnés de abonado do Leis terá un custo esta tempada de 45 euros para o público adulto, 30 euros para o xuvenil, 25 euros para as penas e 30 euros para as persoas xubiladas.