O Concello de Bueu e o grupo 'O mar por diante' organizan o ciclo de conferencias 'Ollándonos no espello do tempo', que se celebrará durante o mes de agosto no Centro Social do Mar. A través delas ponse en valor a historia da vila e recupéranse as súas voces culturais, artísticas e literarias ao longo do tempo. A iniciativa, que naceu hai sete anos, potencia nesta edición o patrimonio cultural bueués e o traballo investigador de Arturo Sánchez Cidrás a prol da historia local. Para a presentación do programa, este mércores celebrouse unha rolda de prensa na que estiveron presentes Carmen García, concelleira de cultura, e integrantes do colectivo, como Xaime Toxo, Loli Docampo, Francisco Rodríguez, Arturo Sánchez e Fernando Miranda, da Libraría Miranda. Carmen García, concelleira de cultura, salientou "a implicación deste colectivo con actividades moi variadas e propostas xa consolidadas que nos achegarán a diversos puntos de Bueu". O programa iniciarase o mércores 30 de xullo, ás 21.00 horas, coa actuación musical "Océanos ao lonxe" con Hugo Rodríguez no clarinete e a pianista Rosa Torres-Pardo, Premio Nacional de Música no 2017. Na procura de novos horizontes, separados das súas orixes ou no exilio, os compositores deste recital inspíranse en novas influencias musicais e situacións vitais que deron lugar a obras creadas alén do mar. Esta presentación é unha oda á nostalxia e á distancia, pero tamén, unha chamada á esperanza e á vida. Os temas viaxarán dende o Atlántico Sur ata o Norte, dende Andalucía ata Galicia, pasando polo Mar Mediterráneo, e chegando a América do Sur e Nova York, e por iso destaca o compositor galego Octavio Vázquez, un dos inspiradores das pezas musicais elixidas. O 4 de agosto será a presentación do libro Los ilusionistas, de Marcos Giralt Torrente, neto do escritor Gonzalo Torrente Ballester e Josefina Malvido, natural esta de Bueu. O acto será ás 21.00 horas baixo a organización da Libraría Miranda, e será o xornalista bueués Francisco Rodríguez Pastoriza o que guiará a conversa sobre esta novela epistolar no que o autor se enfronta ao misterio dalgunhas vidas, concretamente a dos seus tíos e a da súa nai. O 6 de agosto, ás 20.30 horas, Francisco Rodríguez Pastoriza impartirá a conferencia "Bueu, fotos dunha guerra", unha actividade na que se fará unha recompilación de imaxes da guerra achegadas pola veciñanza de Bueu e procedentes de arquivos históricos. O 13 de agosto, á mesma hora, continuarase coa mesa redonda "Texto e territorio" na que participarán artistas da vila ou vinculados a ela, como Adrián Pérez Bote, María Tula Méndez, Marta Otero García e Fernando Otero Otero, coa moderación de Salvador Castro Otero. A través desta mesa búscase visibilizar o talento da creación e ao tempo que se analizan os vasos comunicantes posibles entre creación, reflexión, formación, escrita e territorio. Así mesmo, tamén se reflexionará sobre o xeito no que o espazo familiar de desenvolvemento persoal inflúe na creación artística. Arturo Sánchez Cidrás intervirá o 20 de agosto coa palestra "Os infinitos onte da palabra hoxe", que se pode definir coma unha antropoloxía da historia de Bueu e co que se pretende captar o espírito local e o seu avance. Segundo el mesmo destaca, "é un percorrido pola nosa memoria a través de pequenas grandes historias". O programa rematará o 28 coa conferencia "Federico Ribas: a sombra dun esquecemento" da man de Xaime Toxo. Nela analizarase a peripecia vital de Federico Ribas, un dos ilustradores gráficos e publicistas máis sobranceiros da España do primeiro terzo do século XX e, concretamente, do seu apego coa vila de Bueu e a importancia e reflexo na súa obra gráfica. Ademais das propias charlas, dende o Concello de Bueu anúnciase a publicación de varios libros que reunirán o contido das mesmas e que se entregarán de balde ao público asistente.