O Concello de Marín presentou xunto con Trompos Ós Pés a programación coa que se conmemorará o 25 de xullo, Día de Galicia. Ademais do acto institucional, que terá lugar ás 12:00 horas na Alameda Rosalía de Castro e onde a propia escola e o grupo de Trompos Ós Pés participará coa súa actuación musical, a asociación cultural organiza de novo a súa romaría popular. Na súa vixésimo sexta edición, os postos de artesanía ubicados na Alameda abrirán a partir das 10:30 horas e pola tarde, desde as 18:30 horas, haberá xogos tradicionais. Ás 20:00 horas, actuará a Asociación Cultural Os Penediños de Atios (O Porriño) e media hora máis tarde farase o sorteo dos agasallos doados polos artesáns. Pola súa banda, as 21:00 horas arrancará a tradicional foliada libre, que comezará cos máis pequenos da escola para despois ir uníndose cos cantos e músicas tradicionais. Desde Trompos Ós Pés, agradecen a todas aquelas persoas que vaian participar no escenario que avisen antes a través do mail tromposospes@gmail.com ou do teléfono 691089030. HUMOR CON LETI DA TABERNA Por outro lado, a retranca e o mellor do humor galego terán cabida na celebración do Día de Galicia coa actuación de Leticia Miraz, máis coñecida como Leti da Taberna, que como ela mesma di, aínda que a súa formación sexa sociosanitaria, ela é taberneira de nacemento. En maio de 2020, comezou subir contidos a TikTok e a día de hoxe acumula decenas de miles de seguidores e seguidoras neste rede social e en Instagram. Utilizando a ironía e a retranca galega, desde unha perspectiva feminista, Leti fará rir a todo Marín co seu monólogo "Enredada", que poderá verse na Alameda ás 19.30 horas. A maiores, o sábado 26 de xullo, Trompos Ós Pés organizará tamén unha actuación musical na Finca de Briz: o concerto Música Nos Sentidos. Será a partir das 21.00 horas e participarán, ademais da asociación marinense, o grupo folclórico de Contradanza de Logroño e a Banda de Música de Marín.