Barosa, "o mellor escenario do mundo" para gozar da música de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre

Wait 5 sec.

O parque da natureza de Barosa, en Barro, será esta semana "o mellor escenario do mundo" para un concerto de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre. Así o deu a coñecer este mércores o Concello de Barro, que programou o concerto para o venres 25 de xullo ás 20:30 horas. A actuación, con entrada libre, terá lugar ao pé das fervenzas de Barosa. O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro de Cultura, Adrián Silva Magdalena, presentaron o concerto e indicaron que é "unha aposta pola cultura de calidade, polo talento galego e pola conxunción da nosa cultura e do noso patrimonio". Fernández Abraldes destacou o simbolismo de celebrar un concerto como este en Barosa: "Estamos falando dun espazo que foi berce de tradición oral, de contos, cantares e traballos comunitarios arredor dos muíños". Para o alcalde, ter en Barosa un espectáculo como o de Xabier Díaz, que "bebe directamente desa tradición e a renova con forza e beleza", é unha maneira de "conectar o pasado co presente e seguir facendo medrar a nosa identidade colectiva". Xabier Díaz, un dos artistas máis recoñecidos da música tradicional galega contemporánea, emprendeu en 2015 un proxecto propio acompañado polas potentes voces e percusións de As Adufeiras de Salitre, un colectivo de mulleres que fan do ritmo e da raíz unha celebración colectiva. Xuntos deron vida a álbums tan recoñecidos como The Tambourine Man, Noró ou As catedrais silenciadas, e levan anos enchendo teatros e prazas de dentro e fóra de Galicia. A actuación forma parte do Programa + Música da Deputación de Pontevedra e está financiado por esta entidade provincial e polo Concello de Barro.