Piden que o porto de Sanxenxo deixe de chamarse Juan Carlos I polo "profundo rexeitamento social" ao emérito

Wait 5 sec.

O porto deportivo de Sanxenxo leva, desde a súa inauguración en 2005, o nome de Juan Carlos I, entón rei de España, pero o "profundo rexeitamento social" que, segundo o BNG, provoca actualmente o monarca emérito obriga a reformular a súa denominación. Os nacionalistas presentarán unha moción no próximo pleno municipal, que se celebrará o luns 28 de xullo, para cambiar o nome do porto deportivo da localidade, á que Juan Carlos I regresa de maneira habitual para participar en regatas de vela. O BNG defende a necesidade de modificar esta denominación por "limpeza democrática" e reivindica que se faga a través dun "consenso unánime" e implicando aos cidadáns. Na súa exposición de motivos, lembra que o nome dos espazos públicos "non deixan de ser unha expresión dos valores que a cidadanía desexa representar e proxectar", algo que non encaixaría coas "diferentes polémicas" nas que está envolvido o rei emérito. Entre elas, citan contas opacas no estranxeiro "vinculadas a presuntas actividades de branqueo de capitais", a recepción e envío de comisións millonarias, o uso de homes de palla para ocultar patrimonio, voos privados sufragados por terceiros ou diversas denuncias persoais. Que saísen á luz estas informacións, a xuízo do tres edís do BNG, "provocaron un rexeitamento profundo a nivel social" sobre o antigo xefe do Estado. Estes feitos, sumados a un "crecente sentimento cidadán" pola transparencia, a ética pública e a limpeza institucional e democrática, sinalan desde o BNG, fan "incompatible" manter o actual nome do porto deportivo de Sanxenxo. De cara a modificar o nome destas instalacións portuarias, a formación nacionalista aposta por incentivar a participación cidadá, de maneira de que a nova nomenclatura se realice garantindo "transparencia e limpeza democrática".