Sanxenxo é unha vila lonxeva. Así se desprende dos datos do padrón municipal, que revelan que 572 veciños e veciñas desta localidade superaron a media de vida e España, ao cumprir máis de 85 anos. A esperanza de vida dos españois é de 83,1 anos, 80,4 os homes e 85,7 as mulleres. A 15 de xullo, non só 572 persoas a superaran en Sanxenxo, 293 delas tiñan máis de 90. Esa lonxevidade é, sobre todo, feminina. Do total de veciños que superaron a media nacional, 459 son mulleres e 113 homes. Segundo os datos municipais, por cada home hai catro mulleres que teñen máis de 85 anos. Das 572 persoas que superaron a esperanza de vida, 279 teñen entre 85 e 89 anos e 235 cumpriron xa entre 90 e 94 anos. Ademais, 47 persoas teñen entre 95 e 99 anos. Esa lonxevidade feminina vese tamén na cifra de centenarios. E é que hai 11 mulleres con máis de 100 anos. Ningún home. Delas, 9 teñen entre 100 e 104 anos. Dúas teñen entre 105 e 109 anos. A 15 de xullo, a poboación empadroada en Sanxenxo ascendía a 18.135 veciños, consolidando os 18.000 habitantes. A principios de século eran máis de 2.000 menos. Por parroquias, a máis poboada é Adina, incluíndo na ecuación a vila de Portonovo, con 5.325 habitantes. Séguelle de cerca a parroquia de Padriñán, que inclúe a vila de Sanxenxo e ten 4.173 veciños. En Vilalonga, son 3.077. En Noalla hai 2.770 habitantes. En Dorrón son 1.333. En Nantes son 834. En Bordóns, 23.