Ciberseguridade e uso responsable da tecnoloxía para os nenos de Marín

Wait 5 sec.

Divertirse mentres se adquiren competencias dixitais. É o obxectivo do campamento dixital que se celebrará do 1 ao 8 e do 25 ao 29 de agosto na aula CeMit de Marín. A formación, certificada e 100% gratuíta, diríxese a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos. En concreto aos participantes de 9 a 11 anos ensinaráselles como detectar noticias falsas, aprender a contrastar información, crear contido e aprender a comunicarse, así como a usar ben os motores de procura, configurar un correo electrónico e crear contrasinais seguros. Con 12 e 13 anos, os menores que acudan ao campamento tratarán o tempo que pasan fronte ás pantallas, así como o fortalecemento da privacidade nas redes sociais e como xestionar a pegada dixital. Analizaranse ademais casos de ciberacoso e exploraranse formas de filtrar e compartir contido na web. Por útlimo para os mozos e mozas de 14 a 17 anos os módulos incluirán formación sobre como crear o seu propio currículo, como deseñar un logotipo persoal e pór en marcha un proxecto dixital propio, como ser creador de contido e como editar vídeos con gancho. Ademais tamén explorarán que é a intelixencia artificial e para que se pode utilizar, e ensinaráselles a crear unha web, un videoxogo ou unha aplicación. As inscricións deben formalizarse a través da web campamentodigital.org.