O ciclismo pontevedrés e galego está a darse unha particular homenaxe na Vuelta a Castilla-León, unha das principais roldas por etapas do calendario elite e sub-23. Na terceira xornada de competición tanto o triunfo parcial como o liderado foron parar a representantes da comarca. Por unha banda o Grupo Deportivo Supermercados Froiz alzou os brazos con Mateu Estelrich como vencedor da etapa, con 156 quilómetros de percorrido entre Santa Marta de Tormes e Cuéllar. Estelrich e Manuel Rodríguez foron protagonistas de inicio ao ser parte da fuga principal do día, con 17 representantes. Nela atopábase tamén o arousán Martín Rey, do Equipo Cortizo, e que era terceiro na clasificación provisional. A escapada prosperou e a vitoria xogáronlla os seus protagonistas nun duro repecho final no que o corredor do Froiz foi o máis forte. Por detrás a xornada foi redonda para Martín Rey, que entrou segundo en meta colocándose como líder da clasificación xeral. "Desde saída foise moi rápido e houbo moi bo entendemento na fuga. Agora toca seguir concentrados para defender este liderado até a última xornada", explicou o arousán tras a xornada.