Piden ao Consello Regulador da DO Rías Baixas que incremente os límites de produción

Wait 5 sec.

A organización Unións Agrarias ven de rexistrar un escrito no Consello Regulador Rías Baixas para solicitar que se apliquen os datos da estimación de colleita feita polos técnicos da Denominación de Orixe e se acorde incrementar os límites de produción ata un máximo do 25%, ao igual que se fixera no ano 2011. Cando queda apenas un mes para o inicio da vendima moitos viticultores da Denominación de Orixe, están a detectar moitos casos de fincas con elevadas producións, que superan o límite establecido de rendemento por hectárea e que sen embargo presentan parámetros de calidade óptimos. De confirmarse estas previsións, moitos superarían o rendemento establecido no regulamento da D.O. fixado en 12.000 quilos por hectárea para a variedade Albariño, a principal cultivada. Unións Agrarias explica que os produtores, por distintos motivos, amosan moitas veces reticencias a destruír este exceso antes da vendima "e moi probablemente aparezan nestas circunstancias compradores sen escrúpulos que pretenden facer negocio con esta uva "en B", ou que causaría un grave prexuízo para o colectivo de viticultores polo baixo o prezo da uva", Tamén sería negativo para as adegas pola competencia desleal e para o conxunto da cadea de valor do viño pola mala imaxe que xera. O artigo 9.2 do Regulamento da D.O. Rías Baixas establece que os límites de produción poderán ser modificados en determinadas campañas polo Consello Regulador.