O alcalde da Lama, David Carrera; o responsable de Cultura, Plácido Pillado, e o tamén concelleiro Andrés Cal presentaron a programación do Verán Cultural 2025. Un ciclo que ofrecerá actuacións musicais como a protagonizada por Odaiko, unha homenaxe a Juan Pardo, a Festa da Mocidade, teatro, unha festa infantil e tamén o tradicional xa paso en piragua polo río Verdugo. O sábado 26 de xullo, dentro das festas de Santa Ana e San Xoaquín, actuará na Praza da Pedreira ás 20.00 horas a Banda de Música Artística de Bueu, mentres que o domingo 27 subirá ao mesmo escenario e á mesma hora a Banda de Música Municipal da Lama. O luns 28 de xullo será quenda da Festa da Mocidade, que dará comezo ás 23.59 horas coas propostas de Djs Aitor Alfonsín e Dj Milucho. Para o martes 29 programouse ás 17.00 horas o paseo en piragua polo Verdugo desde a praia fluvial, unha actividade organizada en colaboración do Club de Piragüismo Vilaboa. Será posible participar desde os 3 anos de idade debendo inscribirse previamente na Biblioteca ou chamando ao teléfono 986 76 82 38-ext. 4. O teatro tomará a testemuña o mércores 30 de xullo coa comedia 'Punto en boca: Entre fíos anda o lío' do Centro Dramático Galego, e que se representará no salón de actos do colexio da Lama. Os pequenos terán unha cita o xoves 31 de xullo a partir das 17.00 horas cunha Festa Infantil, na que non faltarán inchables e piscinas móbiles, na Alameda, con música e espuma para mitigar a calor. Ademais o músico Pakolas ofrecerá un concerto co seu espectáculo 'A Ramona pequena vai á Lúa'. Un día despois, o venres 1 de agosto (17.00 horas), o Multiusos acollerá unha ctividad para o público familiar, un laboratorio científico e humorístico con 'Experimentos de Frankie Stein'. O luns 4 de agosto celebrarase o tradicional Xantar da 3ª Idade que terá lugar na Carballeira das Ermidas, en Antas. Os interesados en participar que estean empadroados e cumpran os requisitos poderán facelo o un prezo subvencionado polo Concello de 15 euros mentres que os que non deberán abonar integramente o prezo do prato que son 35 euros. Os tickets están á venda na Biblioteca. O martes 5 de agosto, a partir das 22.00 horas na Carballeira das Ermidas celebrarase un concerto de homenaxe a Juan Pardo, bautizado como 'Xuntos pola música', no que participarán Antonio Barros, Lys Pardo, iAlma e Fernando Calderón. Pola súa banda o día 6 ás 20.30 horas e tras a misa en honra a San Salvador, patrón da Lama, a Praza da Pedreira acollerá unha actuación de Acorde Son do Verdugo. Por úñltimo o mércores 13 de agosto o Verán Cultural pecharase cun concerto a partir das 22.30 horas a cargo do grupo folk Odaiko.