Dobre cita para o 24 de xullo en Sanxenxo: espectáculo con drones sobre Silgar e Guadi Galego en Dorrón

Wait 5 sec.

A noite do 24 de xullo chegará con cita dobre a Sanxenxo, un espectáculo de máis de 200 drones sobre a praia de Silgar e un concerto de Guadi Galego en Dorrón. A actuación de Guadi Galego será gratuíta a partir das 22.00 horas na chaira da Casa de Cultura de Dorrón. A artista chega como parte da súa xira Síntese Horizonte, un espectáculo no que se desfai de toda convención, renacendo para cantar ao catro ventos o poder transformador da música en vivo. Nesta proposta, acompáñana grandes artistas galleghos como a banda conformada por Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percusión) e Álex Fernández (teclados). Completan a formación, como vocalistas e pezas crave do directo, Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Jiménez. Guadi Galego xa percorreu os principais escenarios de Galicia con este espectáculo, que tamén chegou a Madrid ou Valencia. A cita en Sanxenxo forma parte da xira de despedida. En Silgar, a cita é a partir das 22.30 horas e forma parte da programación do 40 aniversario da Televisión de Galicia. Suporá a posta en escena dun espectáculo aéreo inédito deseñado e executado por Flock Drone Art Studio. Despegarán desde a Praza do Mar e percorrerán o ceo sobre a praia de Silgar. Emitirase en directo desde Sanxenxo dentro do programa especial 'Mirade arriba', producido por Setemedia e presentado por David Espiño e Rocío Delgado. Suporá vivir por primeira vez en Galicia unha coreografía de drones a gran escala, que transformará o ceo nunha pantalla tridimensional para render homenaxe a catro décadas de historia audiovisual galega. A emisión deste programa especial precederá aos tradicionais Fogos do Apóstolo en Santiago, con conexións en directo coa capital galega.