María Carrera é moito máis que a presentadora dos actos do Entroido pontevedrés: é parte da súa esencia, ese rostro familiar que anuncia a festa con complicidade, proximidade e un sorriso que parece de casa. Para moitos, converteuse xa nunha figura tan icónica como o noso Loro Ravachol, imaxe clave do Entroido e símbolo querido dunha Pontevedra que se sabe única. Pero María non se limita a presentar: tamén actúa, crea, encarna personaxes con humor e crítica, con tenrura e mirada afiada. Un dos máis celebrados é a súa Bruxa Maruxa, que volverá á escena o 11 de agosto na praza da Curtidoira, nunha actuación onde o teatro popular se mestura coa retranca galega máis xenuína. Onde está María hai verdade, risa e algo difícil de explicar, pero fácil de sentir. Porque non precisa grandes focos para brillar: abóndalle con ser ela. E por iso, nesta cidade que tanto a quere, a súa presenza non só se agradece... celébrase. - Dime unha pregunta que non che guste que che fagan. Ningunha, encántame falar así que sen problema. - Como é a túa relación con Pontevedra? De nacemento. Sobre os 46 fun vivir fóra, pero volvo sempre que podo, especialmente en entroidos. É máis, cando comezo un traballo novo sempre lle digo ao meu xefe que as vacacións de verán danme igual, pero en entroidos preciso dúas semanas para volver a Pontevedra. Eses días son a miña vitamina para o resto do ano. - Como te definirías? Son unha muller feliz, gozadora, loitadora e traballadora. Pero sobre todo unha buscavidas. - Con que xeración te identificas máis: baby-boom, X ou millenial? Buf, pois non che sabería dicir. Navego extraordinariamente ben con xente moito máis nova e de máis idade tamén. Teño moi clara a miña idade, pero tamén que todos me achegan. - Cales dirías que son as características da túa xeración? Pois moi traballadores, e aínda que pareza que non, a revolución tecnolóxica xa nos pillou cuns cantos anos... e tocou adaptarse, aínda que eu me resistía ata a usar WhatsApp. - En que momento te convertes na imaxe dos entroidos de Pontevedra? Pois un día calquera, eran como as 12 da mañá cando me chamou Sarandeses para dicirme que lle fallara unha persoa e que tiña que presentar o Concurso de Murgas. Díxenlle que non, e despois cambiei de opinión. Estaba nervosísima, nin lembro de que ía disfrazada. Cheguei un par de horas antes para a proba de son e sentíame minúscula naquel escenario. - E o entroido entrou en ti... Entrou e embriagoume. Quedei marabillada con todo o traballo que había detrás do concurso. Non é o mesmo velo como público que estar entre bambolinas. Gozo cada minuto do entroido. Lembro o primeiro ano que non puiden vir en Entroido a Pontevedra por traballo... estiven días chorando. O Entroido dáme un subidón de vitalidade que me dura para o resto do ano. - Máis alá da túa faceta entroideira, tamén es compositora, monologuista e un longo etcétera, como facedora de cultura, os proxectos que desenvolves en Madrid, poderías facelos en Pontevedra? Dificilmente. Aquí temos un tecido cultural bastante sólido, pero aínda queda moito por facer. Necesitamos espazos, chámalle teatros, salas, bares... pero espazos nos que poder traballar. Encantaríame poder ir un mércores calquera a tomar algo a algún lugar con música en directo, ou con micro teatro... e iso aquí non é posible. Á marxe, temos unha materia pendente, como sociedade, en dar espazos aos adolescentes. Que plans hai para os/as que se moven entre os 12 e os 17 anos? - Que é a amizade? Paz absoluta. - Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro? Pois tal e como están as cousas, ao futuro teño claro que non. Gustaríame ir ver como compoñía Bach, ou ao estudio de Da Vinci, do que son unha apaixonada. - Unha parte da túa casa que che apeteza intervir? Pois encantaríame cambiar a ducha por unha bañeira, ao contrario de todo o mundo (risas). - Dime unha canción que te emocione. Palabras de Amor, na versión orixinal en catalán, Peces de Ciudad, Aquellas pequeñas cosas. Encántame a música, é a miña paixón. - Frío ou calor? Definitivamente calor. - Que hai despois da vida? Non sei que haberá, así que me gustaría quedar nesta por se acaso. - O último capricho que che deses? Ler na praia esta mañá. - Cando dixeches por última vez "quérote"? A quen? Dígoo moitísimo. Case che diría que é a expresión que máis uso. A ti hai un anaco, á miña amiga May, á miña nai... abuso moito do quérote. - A quen che gustaría ver nesta sección? A calquera murgueiro, ou á miña nai. - E por último, que vas facer en canto remate esta entrevista? Pois recoller a miña nai e ir tomar unha cervexa e dar un paseo por Pontevedra. Para María, Pontevedra sabe a felicidade, cheira a mar, é de cor azul e soa a alegría. Definitivamente, María Carrera sente Pontevedra. O CUESTIONARIO − Nunca saio de casa sen... un libro. − Na miña neveira sempre hai... queixo. − No meu armario destaca... o caos. − A idade é... un número. − Sempre fun o ollo dereito de... a miña avoa Menchu. − Pontevedra ten alma de... cinema. É moi cinematográfica. − Creo en... o amor e en min. − O ano que marcou a miña vida foi... pois o actual, porque me están saíndo moitas cousas boas. − O mellor agasallo que me poden facer é... unha aperta. − O meu lugar no mundo é... o mar. − Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en... Barcelona. − O meu momento favorito do día é... almorzar no meu porche e o solpor en Galicia sobre o mar. − Pontevedra... familia e amizade.