O vindeiro domingo, 27 de xullo, a asociación ecoloxista Vaipolorío inicia a 25ª Campaña de limpeza do río Cocho-Toxal-Tomeza-Gafos. Colabora a Fundación Xoán XXIII e a Cruz Vermella. Con esta campaña, Vaipolorío suma 25 campañas tantas como anos ten de vida este colectivo "protexendo, estudando e divulgando o río dos Gafos". Haberá sesións de limpeza cada domingo até o 31 de agosto co obxectivo de mellorar a situación destes ríos afluentes do Gafos. O punto de encontro será cada domingo ás 10.00 horas diante do Albergue dos Peregrinos da rúa Otero Pedrayo. O colectivo convida a toda xente que queira participar nunha xornada ou varias de limpeza a que se poña en contacto con Vaipolorío no número de teléfono 676 842 942. Deben contactar antes de cada venres para reservar. A asociación naceu como unha resposta dun grupo de veciños de Vilaboa e Pontevedra ante a pasividade das administracións fronte ao abandono que sufría o río Gafos. Aquela acción recibiu no 2002 o recoñecemento do Premio Cidade de Pontevedra o que supuxo un impulso no compromiso do colectivo que abrir outras frontes, como o estudo do patrimonio etnográfico, a toponimia, ou investigacións sobre a flora e a fauna. Tamén empezaron coa divulgación de toda esta riqueza, con visitas guiadas ou talleres para construír caixas para paxaros, para morcegos ou refuxios para insectos. Vaipolorío mira cara ao futuro coa ilusión de liberar o tramo urbano do río ao seu paso polo barrio de Campolongo mentres seguen traballando con tesón para recuperar todo este entrono natural, así como os seus muíños, pontes e demais.