Peculiar e rechamante campaña a iniciada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Pontevedra. Cunha pegada de carteis a AECC presentou o seu 'Real Fest', a modo de festival musical. Con todo no canto de grupos e artistas musicais os nomes que aparecen coma se fosen cabezas de cartel son enfermidades graves e efectos negativos para a saúde, como 'Cancro de pulmón', 'Bronquite crónica', 'Trombose', 'Dano cerebral', 'Disfunción eréctil', 'Infarto agudo de miocardio' ou 'Úlceras bucais', entre outros. Unha iniciativa que ten como obxectivo visibilizar e denunciar o papel da industria tabacaleira no patrocinio encuberto de eventos dirixidos ao público novo, especialmente festivais de música. A campaña simula os códigos visuais e estéticos dos festivais para lanzar unha mensaxe clara: facer un chamamento sobre como a industria quere atraer os menores e mozos a normalizar o consumo destes produtos, que poden atopar en contornas que para eles son de lecer, a pesar dos riscos para a saúde e as restricións legais vixentes. Segundo a AECC no ano 2023 dos 15 festivais nacionais con maior asistencia, catro estiveron patrocinados por dispositivos relacionados co tabaco: Mad Cool (Iqos e Blu), Primavera Sound (Iqos), Sonorama (Vuse) e Soar (OCB). "Os menores que consomen estes novo produtos e dispositivos de nicotina teñen até o triplo de probabilidades de consumir produtos de tabaco no futuro, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), constituíndo unha porta de entrada ao tabaquismo", alerta Lola Andújar, técnica de prevención da Asocieción Española Contra o Cancro. Ademais da pegada física, a iniciativa conta cunha vertente dixital que convida á cidadanía a identificar e denunciar casos reais de promoción encuberta en redes sociais, utilizando o hashtag #RealFest.