Mägo de Oz, tras a súa cancelación en Vilagarcía: "Non imos permitir chantaxes nin leccións de moralidade"

Wait 5 sec.

Tras a polémica xerada coa cancelación do concerto de Mägo de Oz en Vilagarcía, só quedaba unha parte por pronunciarse: a propia banda. Até agora. A través dun comunicado que publicaron en redes sociais, o grupo lamentou que lles envolveran en "rumores, verdades a medias e frases sacadas de contexto" e que se fixo de maneira "tendenciosa, interesada e política". Mägo de Oz subliña que, como en como calquera grupo humano, artístico ou de traballo, a banda "é un fiel reflexo, a pequena escala, da nosa sociedade" e nela conviven "distintas ideas políticas e diversas formas de ver a vida". Eles, como marca, afirman que sempre tiveron nas súas letras unha "defensa a ultranza" de ideas progresistas, con cancións que sobre o movemento LGTBI+, a inclusión de persoas con síndrome de Down ou a defensa dunha morte digna. Os insultos "a calquera presidente de España", afirma a formación musical, "está nas antípodas da nosa educación e valores" e asegura que esas expresións foron proferidas por xente de extrema dereita no concerto que ofreceron en Llanera (Asturias). "Nós estamos indignados ante tanto político corrupto sexa da formación política que sexa", afirman desde Mägo de Oz. Sosteñen ademais que "non imos permitir ningunha chantaxe, nin leccións de moralidade por parte de ningún concello por unhas declaracións feitas no contexto dun concerto en clave de sátira e humor non implícito de denuncia social e política". A banda considera que o Concello de Vilagarcia de Arousa tomou unha decisión "que aínda que é moi respectable terán que defender ante os cidadáns da localidade" que teñen dereito a unhas festas "libres de polémica", gozando do lecer e da música. Ademais, advirten que tras resolver esta "absurda polémica", seguirán defendendo sempre a liberdade de expresión "usando a educación, a tolerancia e o bo xuízo". O comunicado de Mägo de Oz conclúe sinalando que esperan "con ansias e expectación" a prohibición por parte do Concello de Vilagarcia de todas as cancións de música urbana e reguetón que "frivolizan ante o sexismo e a cosificación da muller". "Ás veces temos a pel moi fina señores. Que fale só a música!", sentencian.