O 28 de setembro, nova data para o festival Folk no Alobre

Wait 5 sec.

Folk no Alobre xa ten nova data de celebración. Será o domingo 28 de setembro e os concertos adiántanse ás 17:00 horas. Así o informou a asociación Pés de Barro, que se encarga de xestionar este festival, despois de que se tivese que atrasar por mor da choiva. "Tivemos que reorganizar as actuacións e o cambio de data, pero finalmente contaremos con todos os grupos que estaban xa anunciados", apuntou Daniel Abad, da asociación. A previsión é que se manteña no Castro e, en caso de choiva, trasladarase á Praza da Peixería. A primeira actividade será unha visita guiada gratuíta polo castro e o parque Valdés Bermejo (11:00 horas), que correrá a cargo de Xurxo Souto e o grupo tradicional Os demos da petaca e guía. As persoas interesadas non terán máis que presentarse a esa hora nos xardíns de Ravella, xa que non é necesario facer reserva e as prazas son ilimitadas. A festa continúa cunha sesión vermú a partir das 13:00 horas, coas Armadanzas Montse Rivera e Mercedes Prieto, que presentarán "Bailando coa lingua". A continuación terá lugar un xantar popular, no que cada quen levará a súa propia comida. O espazo contará con mesas e cadeiras que pon o Concello e estará amenizada por grupos tradicionais. Ás 16:00 horas haberá un obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego con Rosa do Pombal. Tampouco será necesaria a inscrición previa. Os concertos comezarán a partir das 17:00 horas coas Pandeireteiras Pésdebarro, un grupo nacido do curso de percusión tradicional impartido pola asociación. Continurán Os demos da petaca, con máis de vinte anos de traxectoria. A esencia da agrupación está tanto na música tradicional como no idioma, facendo fincapé nas variedades dialectais que o galego posúe e na importancia da muller como transmisora da cultura. Toma o relevo Abril, unha proposta de folk contemporáneo na que se utilizan instrumentos de música tradicional, que dan lugar a un coidado repertorio que pon en valor a música galega, sen deixar de lado a modernidade. Tamén actuará Malvela, que conta cun repertorio composto por muiñeiras, xotas, rumbas e con versións emblemáticas da Galicia rural e da beira portuguesa. E por último, pecharán a festa Davide Salvado e Fransy González, que farán "unha viaxe á alma da tradición galega, construída unicamente con voces e percusións", segundo explican eles mesmos.