Empezan as obras de humanización na Barca este luns, pero sen afectar o tráfico… até outubro

Wait 5 sec.

Este luns 15 de setembro arrincan as esperadas obras de urbanización e humanización na PO-308, no tramo comprendido entre A Barca e o Casal de Ferreirós. Esta actuación, froito dun convenio entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia, conta cun investimento de 1,6 millóns de euros e desenvolverase ao longo dos próximos 12 meses. Durante as primeiras tres semanas, os traballos centraranse exclusivamente na zona do Casal de Ferreirós, sen que isto teña impacto na circulación. Para coordinar todos os detalles, minimizar molestias e establecer un plan de tráfico eficaz e consensuado, o alcalde Ángel Moldes presidiu este mércores unha reunión no Pazo Besada, na que participaron representantes da Xunta, do Concello de Pontevedra, Garda Civil, Policía Local, a empresa adxudicataria e negocios da zona. Será a partir de principios de outubro cando empecen a aplicarse os desvíos, coincidindo co inicio das obras na avenida da Barca. A partir de entón, manterase un único carril aberto en dirección Poio-Pontevedra. Para os que saian desde Pontevedra cara a Poio, haberá rutas alternativas: pola Caeira ou o nó dos Bombeiros, subindo polo polígono do Vao e saíndo pola antiga Coca-Cola, na avenida Antelo Mariño. Empresas con tráfico de mercadorías tamén están informadas, e redirixirán as súas rutas polo polígono do Vao para evitar congestionar a zona en obras. Reunión de coordinación das obras na Barca Concello de Poio Desde o Concello insístese en que o plan de tráfico será flexible e adaptarase segundo evolucionen os traballos. Darase prioridade á seguridade viaria, a mobilidade fluída e a convivencia veciñal. Ademais, todos os accesos contarán con sinalización clara para informar sobre os itinerarios alternativos. O Concello agradece de antemán a comprensión e colaboración da veciñanza, e lembra que estas obras, longamente reclamadas, suporán unha mellora real na calidade de vida, mobilidade e seguridade para todos. Esta primeira fase do proxecto busca devolver o espazo público ás persoas. Ampliaranse as beirarrúas (mínimo de 2,5 metros), instalaranse elementos para acougar o tráfico e renovarase o mobiliario urbano, ademais de mellorar servizos, crear novas zonas asistenciais, infraestruturas para transporte público e prazas de aparcadoiro adaptadas.