O Complexo Deportivo David Cal do encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, será escenario este mes de setembro dunha competición nacional inesperada. Trátase do Campionato de España de Barco Dragón 500 metros, de piragüismo. O encoro pontevedrés foi reasignado como sede deste campionato ante a imposibilidade de organizalo no escenario escollido inicialmente, que era o encoro das Cunchas no municipio ourensán de Muíños. Así o aprobou a xunta directiva da Real Federación Española de Piragüismo (RFEP), tras a solicitude recibida por parte da Federación Galega de Piragüismo. A decisión xustifícase na "retirada da autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, por unha alerta que ten emitida a Xunta de Galicia para esa zona", explica a RFEP. Ante esta situación a Federación Galega barallou inicialmente recolocar o Campionato de España en Castrelo de Miño, para mantelo na mesma provincia. Con todo ao contar cunha competición de vela fixada na mesma data descartouse a opción pensando entón en Pontevedra. O Campionato de España de Barco Dragón 500 metros celebrarase desta forma en Verducido os días 20 e 21 de setembro.