Continúa a prealerta por escaseza de auga no río Lérez a pesar das chuvias

Wait 5 sec.

A situación de prealerta por escaseza moderada de auga no sistema do río Lérez mantense tras case dous meses desde que se detectou o problema de baixo caudal durante o verán. A Oficina Técnica da Seca, presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, acordou este martes continuar coa medida precautoria adoptada o pasado 7 de agosto ao non observarse cambios significativos nas bacías da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa. O descenso do caudal dos ríos desde xullo, característico da época estival pola falta de precipitacións e a evaporación provocada polas altas temperaturas, mantén en alerta este sistema hídrico que abastece a unha vintena de municipios pontevedreses. Xunto ao Lérez, tamén permanece en prealerta o sistema do río Grande, en Camariñas, mentres que no subsistema de Baiona continúan aplicándose medidas equivalentes a este escenario sen chegar a declaralo oficialmente. A situación de prealerta afecta a un total de 19 concellos: Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade,Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, A Estrada e Forcarei, no caso da unidade territorial do río Lérez; e Cabana de Bergantiños, Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas, pertencentes á conca do río Grande. Ademais, o municipio de Baiona, dependente da unidade territorial río Verdugo, mantén as medidas equivalentes á prealerta, pero sen chegar a declarala, segundo informa a Consellería. Xuntanza da Oficina Técnica da SecaXunta de Galicia A prealerta comporta un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos e encoros dos sistemas afectados, así como a obriga dos concellos de comunicar diariamente a Augas de Galicia os seus datos de consumo. As autoridades recomendan á poboación realizar un uso responsable da auga, evitando actividades de alto consumo como o enchido de piscinas ou o rego con auga potable. Tamén se aconsella aplicar boas prácticas domésticas como ducharse en lugar de bañarse, utilizar as funcións eco dos electrodomésticos ou pechar a billa cando non se estea usando. O Concello de Pontevedra reclamou, a principios de agosto, á Xunta de Galicia que Ence paralizase a captación de auga do caudal do Lérez debido a presentar índices "baixo mínimos".