Rueda anuncia un reforzo de medios e máis limpeza para previr incendios

Wait 5 sec.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu este martes ante o Pleno do Parlamento galego, a petición propia, para dar conta da xestión da Administración autonómica durante a vaga de incendios forestais que arrasou Galicia este verán. Durante a súa intervención, o mandatario anunciou un paquete de medidas centradas na prevención, a extinción e a recuperación das zonas afectadas, á vez que reivindicou a colaboración institucional como alicerce fundamental para afrontar este reto. Entre as principais actuacións avanzadas, Rueda destacou o reforzo dos medios aéreos de extinción, coa incorporación de novos avións e helicópteros e a creación de novas bases operativas, como a prevista en Verín. Tamén anunciou un incremento dos labores de limpeza nas zonas próximas a vivendas e infraestruturas, asumindo a Xunta competencias que até agora recaían sobre os concellos. Neste sentido, o presidente propuxo modificar o convenio actual con Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias para facilitar aos concellos de menos de 10.000 habitantes a xestión das denominadas faixas secundarias —franxas de terreo crave para frear a propagación do lume—. Rueda subliñou que se apoiará economicamente aos municipios adheridos, pero esixirase o cumprimento dos compromisos como condición para acceder a fondos do Fondo de Cooperación Local. O presidente insistiu na necesidade dunha acción conxunta entre Xunta, concellos e propietarios forestais. Ademais, avanzou que se impulsará unha reforma legal para permitir que as Administracións poidan intervir directamente en leiras abandonadas ou mal xestionadas en zonas de risco, e que se esixirá ás comunidades de montes reinvestir unha maior parte dos seus ingresos en prevención e adquisición de maquinaria. Tamén se promoverá a plantación de frondosas autóctonas como barreiras naturais contra o lume e traballarase na simplificación administrativa para facilitar as rozas, queimas controladas ou mesmo a conversión de solo forestal en agrario. Comparecencia de Alfonso Rueda no Parlamento Xunta de Galicia Durante a súa comparecencia, Rueda dedicou unhas palabras de agradecemento aos equipos de extinción, cuxa actuación cualificou de "exemplar" e que, ao seu xuízo, evitou unha traxedia maior: "O obxectivo prioritario foi protexer vidas e vivendas, e logrouse que non houbese vítimas mortais". Nesta liña, reclamou ao Goberno central a creación dunha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Galicia, propoñendo como emprazamento as instalacións xa existentes no municipio ourensán de Toén. O presidente autonómico tamén puxo o foco nas axudas xa activadas para os afectados polos incendios. No último Consello da Xunta de agosto aprobáronse medidas sen límite de gasto, incluíndo indemnizacións por hospitalización (120 euros diarios), axudas de até 132.000 euros para reconstruír vivendas —que poden ampliarse a case 150.000 co mobiliario— e axudas ao aluguer temporal. Segundo Rueda, xa se recibiron solicitudes para 41 vivendas, 191 explotacións agrogandeiras, 61 forestais e tres industrias ou comercios. As dúas primeiras axudas para reconstrución de vivendas foron aprobadas e serán abonadas esta mesma semana. Ademais, o Executivo galego financiará os controis de calidade da auga nos municipios afectados, unha medida que, segundo o presidente, responde á necesidade de actuar con rapidez: "Hai que axudar á xente cando o necesita, non cando xa pasou todo". Comparecencia de Alfonso Rueda no Parlamento Xunta de Galicia Rueda pechou a súa intervención apelando á unidade política e social ante unha crise que, afirmou, deixou ensinos que deben ser aproveitadas: "Foi unha situación excepcional que estivo marcada pola dureza, pero tamén pola grandeza dos que tiveron que intervir". O presidente reiterou o compromiso do seu Goberno coas persoas afectadas e co conxunto do territorio galego, asegurando que "Galicia non se rendeu" e que, como noutras ocasións, "sempre renace".