Cara a cara #669. Incendios forestais 'en frío'

Wait 5 sec.

Juan Picos é subdirector da Escola de Enxeñaría Forestal no Campus de Pontevedra (Universidade de Vigo). A súa formación e experiencia aválano como voz sobradamente acreditada ao falar de incendios forestais. Nesta ocasión achéganos unha evolución e tendencia en materia de incendios forestais. Resultado desa análise temporal que realiza neste podcast 'Cara a cara' é a seguinte mensaxe: "non estamos a pelexar contra os incendios, nin contra o lume, estamos a pelexar contra os grandes incendios que son os nosos verdadeiros inimigos". Tamén lle trasladamos unha serie de afirmacións que durante as semanas do pasado agosto repetíronse como mantras e queremos contrastar si son correctas ou non. Máximas como "estaba claro que ía suceder coa cantidade de choiva que houbo na primavera", ou "é que coa nova normativa non nos deixan nin coller unha piña do monte"... son dúas delas. Expomos ademais a concienciación e contestación social ante incendios forestais. Esquécense cando chega o outono?. Algo que ten claro e recalca é que a elección que se fai dos produtos que se compran ten un impacto directo na protección, non só do monte, senón tamén do medio rural e de quen alí viven e traballan. Revisamos unha serie de investigacións que se desenvolveron, ou seguen en desenvolvemento en materia forestal desde a Escola de Enxeñaría pontevedresa. Proxectos que desde o ámbito provincial até o ámbito europeo evidencian a transcendencia do traballo diario que se realiza neste centro universitario.