Tres detidos e máis de 1.400 dose de droga incautadas a un grupo criminal que operaba no centro de Vilagarcía

Wait 5 sec.

A Policía Nacional desmantelou unha rede de distribución de estupefacientes no centro de Vilagarcía de Arousa e detivo tres persoas, presuntas integrantes dun grupo criminal dedicado ao tráfico de heroína e cocaína. A intervención enmárcase dentro da operación "Calatrava II", desenvolvida por axentes do Grupo Local de Seguridade Cidadá de Vilagarcía e do Grupo II da Udyco de Pontevedra. Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial, a investigación comezou o pasado mes de maio, cando os axentes detectaron a existencia dun punto negro de venda de droga en pleno centro urbano. Segundo as pescudas, o grupo criminal encargábase de distribuír importantes cantidades de estupefacientes a pequenos consumidores da zona. O pasado 11 de setembro levou a cabo un operativo que incluíu o rexistro simultáneo de tres domicilios. Nun deles, os axentes acharon unha arma cargada e lista para o seu uso, así como numerosas doses de droga preparadas para a súa venda. En total, incautáronse 800 dose de heroína, 600 de cocaína, diñeiro en efectivo fraccionado, un patinete eléctrico e diversa documentación relacionada coa actividade ilícita. A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións nos próximos días.