A Biblioteca de Poio programa cine clásico, contos para bebés, intercambio de libros e moito máis

Wait 5 sec.

A Biblioteca Municipal de Poio dá a benvida ao último tramo do ano cunha programación cultural cargada de actividades pensadas para todos os públicos. Cine clásico, contacontos para bebés, intercambio de libros, obradoiros, xogos e moitas máis sorpresas que convidan a descubrir (ou redescubrir) o pracer da lectura e a cultura compartida. Desde o Concello, a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, destaca que esta programación é diversa, orixinal e pensada para todas as idades. "Queremos que a biblioteca sexa un espazo vivo, de encontro e participación", afirmou. Contos para bebés. Este venres 19 arrincan no Casal de Ferreirós con Raquel Queizás, unha narradora que presenta "Cambio e Conto", un espectáculo interactivo para bebés e familias, cargado de humor, tradición e participación. Ás 17:30 horas, con entrada libre até completar aforamento. Obradoiro "Escritoras". O luns 13 de outubro, celebrando o Día Internacional das Escritoras cunha lectura compartida de textos seleccionados pola bibliotecaria. Unha homenaxe ás grandes voces femininas da literatura universal. O Gran Quiz Familiar. O 24 de outubro, Día da Biblioteca, trae un divertido e educativo concurso para toda a familia. Ciclo de Cine Clásico. Unha das grandes apostas deste outono: todos os venres de novembro ás 17:00 horas, recupera o espírito dos antigos cineclubs con películas inesquecibles como: City Lights (Chaplin), O Verdugo (Berlanga), Unha noite na ópera (Irmáns Marx), Cantando baixo a choiva (Gene Kelly). Mercado Literario en decembro. Tes libros en casa que xa liches? Tráeos (até 3 en bo estado) e léva outros a cambio. a Biblioteca promove a reutilización, o intercambio e o amor pola lectura entre veciños. Reto Lector 2025 Segue en marcha este divertido reto que convida a ler algo distinto cada mes: Setembro: unha biografía; Outubro: un audiolibro; Novembro: unha novela epistolar; Decembro: un libro publicado o ano do teu nacemento. Ademais como en anos anteriores a Biblioteca animará a decorar xuntos o espazo de Nadal, falar sobre o Samaín e a loita contra a violencia machista, e pechará o ano coa tradicional Lotaría de Libros, onde a persoa que máis préstamos realice en decembro levará unha fabulosa cesta de libros.