Denuncian o roubo de 130 varas de ferro e danos no peche dunha área recreativa da Lama

Wait 5 sec.

A Garda Civil investiga unha denuncia por roubo e danos presentada pola comunidade de montes de Escuadra, na Lama, por uns feitos sucedidos na área recreativa de Santa Mariña. Fontes oficiais confirmaron que a denuncia presentouna un integrante da directiva da comunidade de montes ao mediodía deste mércores 10 de setembro. Segundo a información facilitada pola comunidade de montes, o ladrón ou ladróns roubaron material de protección das árbores frondosas que teñen na área recreativa de Santa Mariña e causaron danos nos bancos e peches perimetrais. En concreto, levaron 130 varas de ferro de 2 metros de altura que servían como estrutura para a malla metálica da plantación de arces e bidueiros. Primeiro foron os danos nos bancos e no peche e nos últimos días o roubo, que afecta a unha plantación realizada no mes de marzo grazas a unha subvencion para espazos en Rede Natura. Os comuneiros da Escuadra explican que están "frustrados e indignados" por estes "ataques" a esta área recreativa que tratan de consolidar como un espazo de lecer e atractivo na serra do Cando. Nesta zona tamén xa antes desapareceron as pedras de bancos e mesas alí colocados e houbo tamén incidentes similares no merendeiro da Barcia colindante coa Escuadra e o monte de Covelo. Peche da área recreativa de Santa Mariña afectadoComunidade de Montes A Escuadra