Trece locais e tres festivais apostan pola "Diversión Asegurada" contra as violencias sexuais no ocio nocturno

Wait 5 sec.

Anabel Gulías, concelleira de Igualdade, presentou este xoves no local SoulBeer o protocolo municipal "Diversión Asegurada" contra as violencias sexuais en espazos de ocio nocturno. A iniciativa busca facilitar ferramentas tanto ás persoas que xestionan os locais como ás mulleres para crear espazos seguros na cidade. Durante a presentación, Gulías agradeceu a Lara García, encargada do SoulBeer, a oportunidade de dar a coñecer este protocolo nun dos establecementos "máis emblemáticos da cidade". A concelleira explicou que o obxectivo é "facilitar as ferramentas dun lado aos propietarios e propietarias dos locais para que puidesen actuar ante unha posible agresión sexual e da outra banda que todas as mulleres teñamos espazos seguros". A primeira ronda de adhesións conta con 13 establecementos que se comprometeron co protocolo durante o verán, as festas e a Feira Franca: SoulBeer, El Toro, La Gramola, Pincho Viño, Carallo 29, UFO, La Pomada, Grifón, Chester, El Bruck, Sala Zenet, La Pipa e La Verbena. Tamén se sumaron os festivais do Orgullo, Río Verbena e Senda Fest. "Quería poñerlle nome e apelidos a estes 13 locais que queren ter as ferramentas para poder atallar as situacións de violencia machista", destacou Gulías, quen subliñou que "Pontevedra é unha cidade feminista e a hostalaría de Pontevedra é unha hostalaría feminista". O protocolo non se limita a facilitar manuais e dípticos informativos, senón que inclúe xornadas formativas online xa gravadas e dispoñibles para todos os propietarios de locais. Ademais, está prevista unha xornada de formación presencial o 13 de outubro ás 11:30 no Centro de Información á Muller (CIM). Lara García, encargada do SoulBeer, valorou a importancia desta iniciativa: "É súper importante ter un pouco máis de autonomía, sobre todo cando non coñeces á xente ou cando estás nunha zona fóra da túa zona de confort. Sucede e non sabes como actuar, entón o primordial é polo menos ter unha forma de enfrontalo". Anabel Gulías pega un cartel da campaña "Diversión Asegurada"Cristina Saiz Segundo o folleto informativo da campaña, a violencia sexual é "calquera acción de natureza sexual realizada sen o consentimento libre, voluntario e consciente da outra persoa". O protocolo establece que nos espazos de lecer moitas destas condutas están "normalizadas, minimizadas ou mesmo xustificadas como parte do ambiente festivo". O sistema de detección pode producirse mediante observación directa do persoal ou comunicación dunha terceira persoa ou da propia vítima. Todas las situacións deben ser rexistradas nunha folla de seguimento interna para mellorar na prevención e actuación. Para adherirse ao protocolo, os establecementos poden enviar un correo cos seus datos a igualdade@pontevedra.eu.