O gran rendemento e a progresión de Daniela Suárez levaron á pontevedresa a dar un novo paso á fronte na súa meteórica carreira. A deportista do Club Natación Artística Galaico Pontevedra participa estes días na primeira convocatoria da tempada da selección española absoluta, que tras un exitoso Mundial encara o segundo ano do ciclo olímpico mirando cara a Los Ángeles 2028. É a segunda vez que Daniela recibe a chamada da selección absoluta, pero en 2024 estreouse nunhas xornadas destinadas a novas promesas, unha especie de 'equipo B' mentres as nadadoras titulares preparaban os Xogos de París. Agora con todo o desempeño da pontevedresa, tripla medallista de ouro no último Europeo Júnior, convenceron á seleccionadora Andrea Fuentes para contar con ela ao máximo nivel. Até Las Vegas, en Estados Unidos, desprazouse co equipo nacional Daniela Suárez, sendo unha das 19 deportistas convocadas para unhas xornadas de adestramento entre os días 8 e 12 de setembro. No caso da pontevedresa, consolídase como a primeira nadadora galega que chega á selección española absoluta. Anteriormente xa rompera tamén un teito como primeira medallista en competicións internacionais. O seu salto ao equipo absouto prodúcese nunha tempada na que Pontevedra será sede dunha proba da Copa do Mundo. Ademais o calendario conta cunha gran cita no verán, o Campionato de Europa que se celebrará en París.