O Liceo Casino de Pontevedra acollerá este venres 12 de setembro, ás 20:00 horas, a inauguración da exposición Mi(t)opía, o novo proxecto do pontevedrés Mito Meijón. Nesta mostra, o creador xoga co seu nome artístico -Mito- e coa miopía, un trazo persoal que aquí se converte en metáfora creativa. Así, o que a primeira ollada podería considerarse unha limitación transfórmase en posibilidade: deformar, reinventar e descubrir novas formas de ver. O borroso vólvese suxestivo e o que escapa á nitidez abre a porta ao poético. A exposición reúne obras de distintas series nas que a cor e a colectividade son protagonistas. O cromatismo vibrante que caracteriza os seus cadros é, á vez, unha aposta estética e unha linguaxe que fala de convivencia, vínculos e da necesidade de construír horizontes compartidos. Pero Mi(t)opía non queda no pictórico: é tamén unha experiencia colectiva. A proposta incorpora unha dimensión performativa na que os asistentes se converten en parte activa da obra, reivindicando o tecido social como unha gran obra colectiva A arte expándese así máis aló da sala, transcende os límites do espazo expositivo e convértese en detonante de conversación, escusa para o encontro e catalizador de novas miradas, conectando sensibilidades No fondo, Mito Meijón propón entender a cidade como un gran lenzo vivo: unha rede de amizades, diálogos e vínculos que sosteñen a vida urbana.