O servizo de Emerxencias de Vilagarcía de Arousa xa conta cunha nova ambulancia de soporte vital básico que estreou durante o Festival Revenidas desta fin de semana en Vilaxoán. O vehículo foi adquirido por Protección Civil a través do convenio municipal dotado con 65.000 euros, destinado a financiar o servizo, a compra de materiais e o mantemento dos equipos. A incorporación desta ambulancia responde á necesidade de substituír a anterior, que foi retirada ao cumprir dez anos de vida útil o pasado 25 de agosto. A normativa vixente obriga a cambiar estes vehículos de emerxencia cada década. O custo da nova ambulancia ascendeu a 30.000 euros e contará con dous técnicos sanitarios que realizan servizos de prevención e traslado de usuarios aos centros hospitalarios cando sexa necesario. Francisco Busto, responsable de Emerxencias, explicou que o vehículo podería converterse nunha ambulancia de soporte vital avanzado se se dota cos medios requiridos, é dicir, un médico, unha enfermeira e o material específico. A ambulancia dará cobertura a todos os eventos locais que o precisen, como citas deportivas ou culturais, pero tamén poderá ser solicitada polo 061 para atender emerxencias. Ambulancia dos servizos de Emerxencias en Vilagarcía estreada no RevenidasConcello de Vilagarcía de Arousa O alcalde Alberto Varela destacou que "Vilagarcía é unha cidade segura grazas á labor impagable do servizo de Emerxencias" e subliñou o incremento do investimento destinado ao convenio nos últimos anos para dotar ao servizo dos mellores materiais.