Ribadumia reforza a súa loita contra os incendios cunha nova brigada forestal

Wait 5 sec.

O Concello de Ribadumia puxo en marcha unha nova brigada forestal formada por un capataz e catro peóns, que traballarán durante tres meses en labores crave para previr e combater os incendios. Esta incorporación enmárcase nun convenio de colaboración coa Consellería de Medio Rural, cun investimento total que supera os 92.000 euros para os anos 2025 e 2026. O obxectivo principal deste equipo é reforzar a prevención de incendios e actuar con rapidez en caso de emerxencia. Para iso, destinaranse 50.712 euros —financiados nun 80% pola Unión Europea a través de fondos Feader— a tarefas de roza e xestión da biomasa forestal. Ademais, investiranse outros 42.000 euros, con fondos autonómicos, en labores de vixilancia e defensa activa fronte a posibles lumes. Durante a súa actividade, a brigada actuará no Distrito Forestal O Salnés-Caldas, con traballos planificados que inclúen rozas manuais en zonas crave da rede de faixas secundarias. Un labor silencioso pero fundamental para reducir o risco de incendios e protexer a nosa contorna natural. E aínda que acaban de empezar, o equipo xa tivo que intervir en varios puntos próximos, como Meaño, O Vao, Covas, Vilaboa ou Sisán, por mor dos recentes incendios que afectaron a Galicia. Alí realizaron tarefas de revisión de perímetros queimados e axudaron con labores de rega para asegurar que as zonas afectadas non revivisen as chamas. Con esta medida, Ribadumia reafirma o seu compromiso co medio ambiente e coa seguridade da veciñanza, apostando por unha estratexia que combina prevención, vixilancia e acción rápida. O goberno local enmarca esta medida como un paso máis para protexer o patrimonio natural e facer fronte, con eficacia, a un dos maiores desafíos do verán galego.