Condenado a dous anos de prisión por non devolver unhas escavadoras alugadas

Wait 5 sec.

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou un home a dous anos de cárcere por apropiarse indebidamente de dúas escavadoras que alugara a unha empresa. Ademais da condena de prisión, deberá pagar unha multa durante seis meses a razón de 6 euros diarios. Si non paga, terá que asumir días extra de cárcere: un por cada dúas cotas impagadas. O tribunal tamén lle impón facerse cargo da metade das costas xudiciais, incluíndo os gastos derivados da acusación particular. Iso si, foi absolto do delito de desobediencia, do que tamén estaba acusado. Todo comezou cando a empresa arrendadora cumpriu a súa parte do trato e entregou puntualmente dúas máquinas escavadoras ao agora condenado. Con todo, este último incumpriu o seu compromiso de pago e tampouco devolveu as máquinas cando o contrato se deu por terminado. A empresa, ao ver que non recibía nin o diñeiro nin as escavadoras, decidiu acudir aos tribunais. Na súa demanda solicitou a resolución dos contratos, o pago da débeda pendente e, como medida cautelar, o depósito xudicial das máquinas. Pero esta medida non se puido executar: o acusado non quixo dicir onde estaban as escavadoras. Finalmente, o 30 de novembro de 2022, o xulgado de Primeira Instancia número 2 de Pontevedra deulle a razón á empresa, estimando integramente a súa demanda. Pero non foi até xuño de 2025 cando o acusado devolveu unha das dúas máquinas, e fíxoo xusto antes do xuízo. Durante o proceso penal, as maxistradas da Audiencia Provincial apreciaron a atenuante de confesión, pois o acusado recoñeceu os feitos antes do xuízo, o que axudou a axilizar o proceso. Tamén tiveron en consideración a reparación do dano xa que devolveu unha das escavadoras e achegou un informe que demostraba que estaba en bo estado. Con todo, esta reparación considerouse só parcial. Primeiro, porque a segunda máquina nunca foi devolta. E segundo, porque co paso do tempo e o uso, o valor da máquina entregada reduciuse considerablemente.