O Club Baloncesto Arxil xa ten á xogadora internacional coa que tentará dar un salto de calidade ao seu plantel na nova tempada que afronta na Liga Feminina 2. Tras a marcha de Heather Forster e a retirada de Nena Trajvcheska, que exercerá de preparadora física do cadro verde, a entidade pontevedresa apostou por un novo talento bosníaco, compatriota precisamente de Trajvcheska. Trátase de Andjela Sipka, internacional U16, U18 e absoluta co seu país. Formada en Mladi Krajisnik e BC Feniks, deu o salto a categoría senior co equipo serbio BC Student Nis. Tras o seu paso por Orlovi e Banovici, chega agora a Pontevedra tras proclamarse campioa de Croacia co Ragusa Drubrovnik. "Destaca pola súa versatilidade na pista, con capacidade para asumir diferentes roles, será unha peza clave no esquema de xogo do equipo", asegura o Arxil. PRIMEIRAS CITAS DA TEMPADA Máis aló da terceira fichaxe do equipo, o Arxil mira xa cara aos seus primeiros partidos da tempada, cun dobre compromiso na Copa Galicia. As verdes teñen previsto medirse este sábado 13 de setembro (12.00 horas, CGTD) ao Maristas da Coruña, mentres que o domingo 14 ás 17.00 horas renderán visita ás 17.00 horas ao Cortegada en Vilagarcía.