O Pazo Provincial acolle a Asemblea da Academia Galega de Gastronomía

Wait 5 sec.

O salón de plenos do Pazo Provincial de Pontevedra acolleu este xoves a asemblea xeral da Academia Galega de Gastronomía. Esta cita non só reuniu a grandes nomes do sector, senón que tamén serviu para pór en valor o papel fundamental que xoga a gastronomía no desenvolvemento económico e turístico de Galicia. Durante o acto, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, destacou o poder transformador da cociña galega. Subliñou como esta impulsa sectores crave como a restauración, o turismo, o comercio, a pesca, a agricultura e a gandaría. Segundo afirmou, a nosa gastronomía é clave para construír un destino turístico sostible, con actividade durante todo o ano e repartida por todo o territorio. Para Luís López, cada comarca ten o seu sabor propio, a súa especialidade, a súa historia culinaria... e iso é algo que debemos celebrar e protexer, segundo sostivo. López tamén puxo de relevo a importancia da descentralización na oferta gastronómica, pois "grazas á nosa gastronomía conseguimos que a xente vaia a Lalín a tomar un cocido, a Arbo ou Valga a degustar a lamprea ou a Arousa a por mexillóns". Nun ambiente de celebración e orgullo, a Academia entregou as súas medallas a cinco novos académicos que, desde distintos ámbitos, contribúen á difusión da cociña galega: Rosario Andrade, empresaria do Pazo de Pegullal; Xavier Castro, catedrático de historia da USC; Carlos Guardado, sanitario e divulgador en Asturias da gastronomía galega; Carlos López, economista e promotor da nosa cociña en Lisboa e o Alentejo; e Joao Guterres, empresario, autor do libro Pescados do Miño e cabaleiro do viño de Porto. O presidente provincial pechou o acto agradecendo á Academia a súa elección do Pazo Provincial como sede para a asemblea, e destacou a sintonía entre as institucións presentes: a Deputación, a Xunta de Galicia e a propia Academia. "Todos estamos profundamente orgullosos da nosa gastronomía", concluíu.