"Son un equipo feito e dereito e construído para ser campión". Así comezou a rolda de prensa do adestrador do Pontevedra, Rubén Domínguez, despois da derrota do equipo fronte ao Tenerife. Recoñeceu que nos primeiros 25 minutos lograron incomodalos e tiveron algunha ocasión clara, como a de Selma, aínda que no cinco minutos previos ao gol, o seu equipo perdeu frescura e personalidade, sinalando que os minutos entre o 25 e o 40 "non foron os mellores dos tres partidos que levamos". Sobre a segunda parte, engadiu que saíron con "empuxe e ímpeto" fronte a un equipo con xogadores de gran nivel en todas as súas liñas. "Tentámolo até o final, pero co balón parado non fomos responsables e iso terminou por matar o partido", lamentou. Domínguez destacou que perderon a oportunidade de meterse no duelo e rescatar polo menos un punto. Respecto ao desenvolvemento xeral, comentou que o partido foi equilibrado, pero o Tenerife, como bo equipo, soubo impor a súa superioridade. "Se nos puxemos por diante poderían haberse precipitado máis. Nós somos un equipo en construción e temos que seguir mellorando", explicou. Engadiu que non foi o mellor día do Pontevedra, pero que hai que aprender dos erros para crecer. "Nin a semana pasada eramos tan bos nin hoxe tan malos", subliñou. O técnico tamén destacou a importancia de mellorar nas xogadas a balón parado porque "perder un balón pode pasar, pero un balón parado está baixo o noso control e non podemos permitirnos tirar un partido por iso. Hai que melloralo para que as seguintes semanas sexa unha fortaleza e non unha debilidade". Sobre a xestión do plantel, comentou que teñen recursos para utilizalos en función de como sexa o choque. Nesta ocasión, "con dúas puntas incomodámolos máis e fomos capaces de meternos alí". Con todo, "non é a mesma situacion con 0-2 que 0-1. Ao final somos un corpo técnico que trata de buscar os rescursos do plantel e optimizar ao máximo aos seus xogadores, que saben que hai que adaptarse o que demande cada partido", asegurou. Neste sentido, e en relación aos lesionados, afirmou que arriscaron con Miki Bosch, que ten a zona da coxa cargada pero sen molestias. No caso de Garay, chegoulle a máscara o venres pola tarde e aínda se ten que adaptar a ela, pero esperan poder contar con el "a partir da próxima semana".