A fábrica de ENCE recibirá 1.500 traballadores adicionais na súa parada técnica anual

Wait 5 sec.

A fábrica de Ence en Lourizán ferve de actividade estes días. Comezou a súa parada técnica anual, que se prolongará até o próximo 25 de setembro. Durante este período, a compañía anuncia que traballarán nas instalacións preto de 1.500 profesionais adicionais ao persoal habitual para realizar labores de mantemento e mellora das instalacións. Segundo informou a empresa nun comunicado, destinará máis de 11 millóns de euros a esta operación. Cinco millóns de euros dedicaranse a labores de mantemento preventivo e correctivo, orientadas a garantir a fiabilidade dos equipos. O resto, canalizaranse cara a proxectos estratéxicos de mellora tecnolóxica, optimización enerxética e redución do impacto ambiental e mellora da seguridade das instalacións. O obxectivo desta parada técnica anual é, segundo indica a compañía, reforzar a eficiencia operativa da biofábrica, incrementar os estándar de seguridade industrial e avanzar no desempeño medioambiental dos seus procesos. Insisten en que este investimento responde o compromiso " de Ence por manter as instalacións de Pontevedra como un referente en sustentabilidade, innovación e excelencia dentro do sector". A compañía destaca que a parada técnica ten tamén un "impacto positivo na economía local", pois unha parte significativa das empresas auxiliares que participan son galegas, e outros servizos asociados como o aloxamento e a manutención dos traballadores serán prestados por compañías da comarca.