Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, presentou este luns a programación de Ponteatro, un ciclo teatral que durante seis xoves consecutivos —do 9 de outubro ao 13 de novembro— levará ao Teatro Principal espectáculos que abordan de forma directa os problemas máis acuciantes da sociedade actual. "O teatro galego está na liña de reflexionar sobre o mundo que temos arredor para plantexar preguntas", explicou Gómez durante a presentación, destacando que se trata de "catro obras do mellor da produción galega que se pode traer, con temas moi contemporáneos", que se verán completadas con dúas obras de compañías estatais. A programación arrancará o 9 de outubro con "Cortello de Amor", de Amorodio Teatro, unha comedia galega que trata "problemáticas actuais como o disparatado prezo dos alugueiros ou o turismo non sostible". A obra, dirixida por Marián Bañobre, segue a Jack e Rose, unha parella que ronda os trinta anos e que se enfronta ás dificultades que ten a xente máis nova para acceder á vivenda. A turistificación das cidades será tamén o tema central de "Go Home", de Etiqueta Negra Producións, que se representará o 6 de novembro. Trátase dunha comedia comprometida que narra a historia de David, un fanático do turismo que vive unha aventura inesperada no Cebreiro. Dúas das obras máis esperadas da programación están dedicadas a mulleres que marcaron fitos históricos na loita pola igualdade. O 16 de outubro, o Teatro Español presentará "Carmen, Nada de Nadie", un teatro documental sobre Carmen Díez de Rivera, muller pertencente á aristocracia que foi xefa de gabinete de Adolfo Suárez e "renunciou a todos os privilexios para facer a súa propia carreira política". Nevenka, de Histrión TeatroHistrión Teatro O 30 de outubro será o turno de "Nevenka", de Histrión Teatro, "un dos éxitos en todo o Estado" que recordará o caso de Nevenka Fernández, a primeira muller que gañou un xuízo por acoso sexual a un político en España. "Valentía desta muller que conseguiu levar o alcalde de Ponferrada e gañar un xuízo por acoso no traballo", subliñou o concelleiro. A programación galega inclúe "As Desterradas", de Producións Teatrais Excéntricas, gañadora do 25º Premio Álvaro Cunqueiro, que se representará o 23 de outubro. A obra reconstrúe a resistencia dunha comunidade de monxas do século XVI ameazada pola xerarquía eclesiástica, mostrando "o que fan as mulleres para transformar a sociedade". O ciclo pecharase o 13 de novembro con "Un Deus Salvaxe", de Talia Teatro, unha sátira de Yasmina Reza sobre a sociedade contemporánea que disecciona "as relacións de parella, a educación, a competitividade e, sobre todo, o exceso de corrección política". Un deus salvaxe, de Talía TeatroTalía Teatro ENTRADAS E ABONOS Todas as funcións comezarán ás 21.00 horas no Teatro Principal. As entradas xerais teñen un prezo de oito euros, mentres que os abonos para as seis obras custan 30 euros. O Concello porá á venda 50 abonos esta mañá a través da plataforma Ataquilla. "Normalmente acertamos coa programación e o público enche o Teatro", asegurou Demetrio Gómez, quen cualificou a selección como "unha programación para pasar un outono do máis entretido". PROGRAMACIÓN PONTEATRO 2025 OUTUBRO • Xoves 9 - "Cortello de Amor" - Amorodio Teatro Xoves 16 - "Carmen, Nada de Nadie" - Teatro Español e Tablas y más Tablas • Xoves 23 - "As Desterradas" - Producións Teatrais Excéntricas • Xoves 30 - "Nevenka" - Histrión Teatro NOVEMBRO • Xoves 6 - "Go Home" - Etiqueta Negra Producións • Xoves 13 - "Un Deus Salvaxe" - Talia Teatro Todas as funcións ás 21.00h no Teatro Principal. Entradas: 8 euros, coa redución de prezos habitual | Abono 6 obras: 30 euros. Demetrio Gómez presenta Ponteatro para este outono de 2025Concello de Pontevedra