O barrio marinense do Sequelo está a vivir unha auténtica transformación. As obras que se están executando na zona suman un investimento superior aos 4 millóns de euros, e prometen cambiar radicalmente a imaxe e funcionalidade desta contorna tan importante de Marín. A alcaldesa, María Ramallo, acompañada pola concelleira Marián Sanmartín, mantivo este venres unha reunión de coordinación entre as dúas empresas que están a levar a cabo dúas actuacións crave: por unha banda, a instalación do ascensor no CEIP Sequelo; por outro, a inminente rehabilitación do pavillón deportivo do barrio. Ademais destas actuacións, continúan a bo ritmo as obras de recuperación medioambiental do río Lameira, que inclúen a instalación dun colector e a creación dunha nova senda peonil. Este proxecto supón un investimento de 3,1 millóns de euros e marcará un antes e un despois na mellora do saneamento de Marín, ademais de conectar o Sequelo co centro urbano dunha forma máis verde e sostible. En canto ao ascensor do CEIP Sequelo, trátase dunha actuación promovida pola Consellería de Educación, cun orzamento de máis de 200.000 euros, que permitirá garantir a accesibilidade total no centro escolar. Pola súa banda, está a piques de comezar a rehabilitación do pavillón, cun investimento conxunto de máis de 725.000 euros, cofinanciada ao 50% entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. Esta actuación mellorará notablemente a eficiencia enerxética do edificio, incluíndo traballos na cuberta e illamento térmico, beneficiando por centos de nenos e nenas que utilizan esta instalación cada día. "Podemos dicir que nestes momentos están a investirse máis de 4 millóns de euros", explicou a alcaldesa durante a visita ás obras. "Entendemos enormemente que a veciñanza desta zona estea saturada de obras, sumando agora estas, que complican un pouco as entradas no cole, pero o cambio que vai dar toda esta zona con estas actuacións é tremendo", engadiu. María Ramallo resumiu o espírito destas obras en tres conceptos: accesibilidade, sustentabilidade e integración. Elimínanse barreiras nun colexio, mellórase unha instalación deportiva clave, e recupérase un río e o sistema de saneamento do barrio, destacou. Ademais, quixo pór en valor algo fundamental: estas obras non supoñen practicamente ningún gasto para as arcas municipais, o que permite seguir avanzando en infraestruturas crave sen comprometer o orzamento local. Aínda que a obra do ascensor necesitou unha prórroga, ambas as empresas acordaron coordinar os seus traballos para que avancen en paralelo sen interferencias e dentro dos prazos previstos.