Dúas xornadas bastaron para que o sistema Football Vídeo Support (FVS) implantado este ano na Primeira RFEF como ferramenta de videoarbitraxe centre moitas das conversas futbolísticas. Non escapa diso o Pontevedra Club de Fútbol, que viu como nos seus dous primeiros encontros concedíanlle un penalti tras revisión arbitral e tamén lle pitaban outro en contra en similares circunstancias, que supuxo ademais a expulsión dun dos seus futbolistas. Preguntado por esta circunstancia, e como está a afrontar o uso da tecnoloxía, o adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Rubén Domínguez, deu a súa opinión na previa do choque que medirá este próximo domingo 14 de setembro (18.15 horas) os granates co Tenerife no Estadio Municipal de Pasarón. "Eu creo que para moitísimo o xogo", explicou Domínguez. "Quítalle un pouco de esencia ao xogo e mesmo os goles non os acabas de celebrar de todo porque non sabes", explicou a preguntas dos xornalistas. Por ese motivo avoga por ir mellorando o sistema, xa que "logo hai cousas que tampouco acabas de entender moito", asegura. Neste apartado e aínda que "non o digo como queixa", puntualiza, "o día de Garay nós pedimos unha revisión de penalti sabendo que non era penalti, porque era fóra da área, pero revisan a propia acción e o que está claro é que Garay non fixo a falta, ou o día de Ponferrada pedimos unha vermella nunha falta a Alain que sabiamos que non era vermella pero si era a segunda amarela que nos ía a deixar dez contra dez". Situacións que crearon certo desconcerto. VIDORRETA E MIKI BOSCH, CON OPCIÓNS DE ENTRAR NA CONVOCATORIA No que respecta ao plano estritamente deportivo, o Pontevedra ten un ollo posto na enfermaría polos problemas físicos que obrigaron a pedir o cambio contra a Ponferradina a Miki Bosch e a Vidorreta. Preocupa especialmente o caso do primeiro deles pola situación da defensa ante a baixa por sanción de Montoro e a ausencia de Garay por lesión. Con todo Rubén Domínguez non descartou a ningún deles para o duelo contra o Tenerife. "Vido case ao 90 % diriamos que si, e Micki pois temos que esperar tamén ao adestramento de mañá (sábado). Pero esperemos ser optimistas e a ver si podemos recuperar aos dous", explicou o adestrador granate. Rubén asegurou ademais que o céspede de Pasarón, aínda que non recuperado, "mellorou con respecto ao partico do Cacereño", e confía nun bo papel dos seus ante un dos grandes favoritos ao ascenso. Tanto é así que aínda que sexa "un equipo construído para ser campión" que obrigará a "ser moi responsables na fase defensiva", o técnico defende que "o partido vai ter diferentes dinámicas como o outro día e o Pontevedra vai ter o seu momento seguro". Un momento que intantará aproveitar coa axuda da bancada de Pasarón.