O Concello de Poio finalizou este verán co seu plan de mantemento nos colexios de infantil e primaria do municipio cun investimento global que superou os 75.000 euros. O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitaron durante estes días os centros para comprobar o resultado das obras e coñecer de primeira man como se está desenvolvendo a volta ás aulas tras a primeira semana de curso. Durante a visita, Moldes subliñou que o coidado e a mellora das instalacións educativas é "unha prioridade" para o goberno local, que mantén un contacto permanente con equipos directivos e anpas ao longo de todo o ano. Neste sentido, recalcou que o obxectivo é responder con axilidade ás demandas da comunidade escolar e garantir espazos "seguros, confortables e adaptados ás necesidades actuais". En Raxó, o alumnado do CEIP Espedregada xa goza dunha área de xogos renovada, con elementos e valado novos grazas a un investimento en colaboración coa Xunta, ademais de melloras na aula de radio escolar. En Lourido instalaron unha tarima na biblioteca, ampliaron o parque infantil e realizaron traballos de pintura e reposición de portas. Pola súa banda, o colexio do Bao contará a partir de agora cun acceso directo ao parque infantil e cunha pasarela e escaleiras de madeira, mentres que en Chancelas reformaron os aseos do profesorado e asfaltaron a pista de xogos. No CEIP de Viñas puxeron en aulas e biblioteca unha tarima flotante, repararon un aseo, abriron un novo acceso e corrixiron danos na fachada e, no Isidora Riestra, crearon un espazo de lectura baixo a escaleira, colocaron tarima na aula de infantil e repararon o peche exterior. A estas melloras específicas súmanse revisións de instalacións eléctricas, carpintaría, fontanaría, pintura ou mobiliario en todos os colexios, co fin de manter en bo estado os espazos e reforzar a seguridade do alumnado.