A Deputación de Pontevedra celebrou este venres o pleno que tería que terse oficiado o pasado mes de agosto pero que habitualmente se traslada a setembro para o goce das vacacións, de aí o carácter extraordinario da convocatoria de hoxe. Entre o máis rechamante na orde do día atópase a renuncia aos seus cargos de deputadas provinciais por parte de Nava Castro e Sandra Bastos, do grupo provincial do Partido Popular. Trátase de algo que xa estaba previsto nas filas do Partido Popular para cando se cumprise a metade do mandato, segundo explicou o propio presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, "non como outros que houbo nestes dous anos" como foron as saídas de José Campos, Marta Fernández-Tapias ou Isabel Couselo. Até agora Nava Castro era a responsable da área de Turismo e Sandra Bastos o era de Igualdade, Príncipe Felipe e Benestar Social. Luís López lembrou que en maio de 2023 xa anunciaran que en dous partidos xudiciais ía haber unha "rotación". É o caso de Vigo, Sandra Bastos será substituída pola concelleira de Gondomar, Paula Bouzos e en canto ao partido xudicial de Condado-Paradanta, a alcaldesa de Ponteareas Nava Castro será substituída como deputada polo alcalde de Covelo, Pablo Castillo. "Loxicamente isto vai levar un reparto das competencias que tiñan", avanzou o presidente da Deputación que aproveitou para "agradecer publicamente, o inmenso traballo que fixeron a favor da provincia, coa entrega máxima". Segundo engadiu, Nava Castro e Sandra Bastos "sacaron adiante proxectos que son unha referencia no conxunto da provincia que van ter continuidade no tempo, goberne quen goberne, porque foi un completo acerto", dixo. Previsiblemente, no próximo pleno, neste mesmo mes de setembro, terá lugar a toma de posesión dos novos deputados. MOCIÓNS No pleno deste venres tamén foi aprobada por unanimidade a moción do PP para instar o Goberno de España a que dea comezo de inmediato ás obras na estrada N-120 ao seu paso polo Concello de Ponteareas. Igualmente por unanimidade, aprobouse a moción do grupo provincial do PSdeG-PSOE para esixir da Deputación que inste o Goberno de España a manter a Vigo como sede oficial para a celebración do exame MIR mentres que saíu rexeitada o seu outra proposta na que demandaba a dimisión do presidente da Xunta "pola súa nefasta xestión dos incendios ocorridos este verán".