Era un partido complicado, todos o sabían, e quedou demostrado no campo. Sen ter apenas ocasións, o Tenerife asaltou Pasarón, onde o Pontevedra levaba sen perder en liga desde outubro do ano pasado, para sumar outro tres puntos para seguir invicto e afianzarse na primeira praza de Primeira RFEF. Si que é verdade que os granates trataron de facer un partido serio, pero os visitantes mostráronse máis fortes e neutralizaron por completo o xogo dun Pontevedra que desaproveitou as poucas opcións que tivo. O técnico do Pontevedra modificou o sistema de xogo respecto da pasada xornada e apostou por un 4-3-3, con Marqueta baixo paus; Juanra e Miki como centrais; Expósito e Eimil nos laterais. Por diante, Vidorreta e Yelko, con Alain como enganche; Álex González ocupou a banda esquerda, Brais a dereita e Dani Selma foi a referencia en punta. Tratou de facerse co control do balón o conxunto granate, pero o Tenerife apenas lle deixaba. Cando un xogador local recibía, xa había un rival encima para complicarlle xogar con tranquilidade. A pesar diso, as primeiras ocasións foron para o combinado lerezano. No minuto 4 chegou a primeira. Álex foise pola esquerda e puxo o esférico na área, onde Alain rematou de chilena demasiado bambo. Despois, no 12, chegou a máis clara. Alain deulla entre centrais a Dani Selma, recortou ao gardameta e disparou, pero David Rodríguez apareceu para despexar baixo paus e desbaratar a acción. Pasado o ecuador do primeiro tempo o Tenerife deu un paso adiante e chegaron os problemas para o Pontevedra. Aos 25 minutos, Zoilo puxo o balón desde a esquerda, Alassan rematou de socato e Marqueta atallou, pero a xogada quedou invalidada por falta a Miki Bosch. Xusto despois desa acción chegou o gol. Alain controlou mal e Aitor Sanz rouboulle o esférico, púxoo ao segundo pau e Alassan, case sobre a liña de fondo, deixouna de primeiras Jesús de Miguel, quen lle gañou a posición a Miki e Juanra para rematar completamente só a portaría buxán. O segundo acto arrincou, ou esa sensación deu, cun Pontevedra máis atrevido e coas intencións claras de ir a polo empate, avisando nada máis pisar o céspede cun disparo raso de Yelko desde a media lúa que Dani atallou. Co paso dos minutos o ritmo baixou e Rubén Domínguez decidiu mover ficha para cambiar a dinámica do seu equipo e deu entrada a Luisao e Tiago en lugar de Expo e Vidorreta. O primeiro pasou a ocupar a banda dereita e o segundo o medio, xusto por diante da defensa, mentres que Brais cambiouse á banda esquerda, con Álex por detrás. A entrada de Luisao, da mesma que ocorrera nas anteriores xornadas, deu ritmo e profundidade ao xogo do Pontevedra, pero o Tenerife, sen apenas lucirse e ter ocasións, seguiu firme en defensa sen ver perigar en ningún momento o resultado. Chegou con todo o gol da tranquilidade para os visitantes despois doutro erro de marcaxe por parte dos xogadores de Rubén. Era o minuto 76 e Nacho Gil sacou de esquina, puxo o balón na área e Landazuri entrou só para rematar de cabeza e subir o 2-0 ao marcador. A pesar de que restaban preto de 15 minutos por diante, o partido xa se resolveu e a tensión e a frustración apoderouse dos xogadores granates, que empezaron a chegar a destempo, o que se traduciu en paróns de tempo e cartóns amarelos. Xa no desconto, nun último intento de reducir distancias, Álex enviou o balón ao momento de penalti e Compa, que entrara en lugar de Alain, rematou de cabeza ao traveseiro. PONTEVEDRA CF: Marqueta, Eimil, Expo (Luisao, min. 62), Miki, Alain (Compa, min. 72), Álex González, Brais (Denia, min. 83), Selma (Resende, min. 83), Yelko, Juanrra e Vidorreta (Tiago, min. 62) CD TENERIFE: Dani, David Rodríguez, Zoilo (Javi Pérez, min. 78), Juanjo (Caveira, min. 89), De Miguel, Nacho Gil (Dani Fernández, min. 89), Landazuri, Aitor Sanz, Enric Gallego (Noel López, min. 68), Alassan (César, min. 68) e Álvaro. Árbitro: Fernando Román Román (Castela e León), asistido en bandas por Eduardo de Ponga e Javier López. Amoestou a Vidorreta (10'), a Álex (86') e a Compa (88') no Pontevedra. Goles: 0-1, Jesús de Miguel, min. 30. 0-2, Landazuri, min. 76. Incidencias: Partido da terceira xornada de liga en Primeira RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 3.603 espectadores. [galleries:vertical:10740]