Xa hai data para a celebración, por segunda vez na historia, da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en Pontevedra. A edición 2026 do gran evento do tríatlon internacional terá lugar no mes de setembro na Boa Vila. En concreto, confirman a World Triathlon e o Concello de Pontevedra, a Gran Final disputarase entre os días 23 e 27 de setembro de 2026. "Estamos moi orgullosos de volver a Pontevedra para as Finais do Campionato 2026", sinalou o presidente de World Triathlon, Antonio Arimany, acordándose da exitosa edición do ano 2023. "Faremos todo o que estea nas nosas mans para que esta sexa a mellor Final do Campionato do Mundo de Tríatlon da historia. Pontevedra está preparada, ten capacidade e, unha vez máis, estou convencido, seremos referencia na organización de grandes eventos deportivos", afirma pola súa banda o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. No que respecta á competición, a Gran Final arrincará o mércores 23 de setembro co desfile de nacións participantes e a cerimonia de apertura. A partir dese momento a programación deportiva, a falta de horarios concretos, será a seguinte: Xoves 24 de setembro: Categoría júnior feminina, júnior masculina e grupos de idade distancia sprint. Venres 25 de setembro: Tríatlon paralímpico e categorías sub-23 masculina e feminina. Sábado 26 de setembro: Grupos de idade distancis estándar, aquabike e carreira elite feminina. Domingo 27 de setembro: Remudas mixtas júnior/sub-23, paratríatlon e grupos de idade e carreira elite masculina.