Os adxectivos son case infinitos cando se trata de definir a Carlos Taboada, creador multidisciplinar pontevedrés falecido o pasado 13 de agosto aos 45 anos. Escritor, ilustrador, editor, "creador de mundos", "polifacético", "poliédrico", "boa persoa", "amigo, "fiel aos seus principios", "amante da súa familia", "un pilar"... todos soaron este sábado na homenaxe que organizaron Kike Mauricio, amigo, socio e compañeiro en 'Polo Correo do Vento'; Antón Sobral; e Urban sketchers Pontevedra no Museo. Foi unha homenaxe sinxela e, ao mesmo tempo multitudinaria, na que quedou patente que Carlos Taboada, Charlie para os amigos, deixou unha pegada indeleble en Pontevedra, tanto a nivel cultural como educativo e persoal. Estiveron a súa parella, Joana Lorenzo; o seu fillo, Artai; a súa familia; os seus amigos íntimos; seguidores da súa obra; e tamén, a título persoal e nas últimas filas, representantes do Concello, a Deputación e os principais partidos da cidade. Anabel Gulias (BNG), Rafa Domínguez (PP) e Iván Puentes (PSOE) mostraron coa súa presenza o alcance da figura do homenaxeado na cidade. O acto comezou en colaboración coa Bienal de Pontevedra na entrada do Edificio Castelao cunha sesión de debuxo libre con Urban sketchers. A homenaxe en si estivo acompañada pola proxección de imaxes de Charlie e por moita emotividade, desde o mesmo momento no que Antón Sobral puxo palabras ao "shock" que supuxo o seu falecemento prematuro e inesperado. Quixo insistir tamén en que "non é a gran homenaxe que merece Carlos Taboada", senón que están "a esperar que institucións como a Xunta, a Deputación, o Concello lle fagan a gran homenaxe que merece". E é que, tal e como lembrou para pechar o acto, "merece unha gran homenaxe, era o noso Luís Seoane de Pontevedra". Ana Neira Soteliño, de Urban sketchers Pontevedra, non tivo "a sorte de coñecelo en persoa", pero si a súa obra e destacou que sabía "capturar o mundo cunha sensibilidade especial", achegando "algo valioso para as persoas". O seu inseparable amigo e compañeiro Kike Mauricio puxo en valor a súa traxectoria profesional e vital, a dunha persoa que "desde moi pequeno, pintaba narizotas e foi moi feliz porque puido vivir do que lle gustaba". Mauricio quixo compartir cos asistentes un percorrido por "o Museo de Charlie", todas aquelas paradas imprescindibles do homenaxeado nesta institución, que, ademais, foi o escenario no que realizou a súa última sesión de traballo e era usuario desde moi pequeno. Para ese percorrido polos petróglifos, unha manifestación artística fundamental na súa obra e na que destaca o seu personaxe Petra ou polo Neolítico, aínda que nese "Museo que lle gustaba a Charlie" nunca habería unha parada na arte sacra. Si a obra de Colmeiro, ao que estaba moi unido, sobre todo, desde as súas dúas viaxes profesionais a Arxentina; a de Luís Seoane; a de Federico Rivas; Maruja Mallo; ou Castelao. Tamén calquera parada que teña relación coa recuperación da memoria. E é que, tal e como destacou Mauricio, tiña un compromiso inquebrantable con "defender a memoria en positivo" e mesmo tiña un proxecto de mural na rúa Doce de Novembro para "pór en valor o lucro cesante, a perda desa xente boa, todo o que se perdeu a sociedade" cos fusilamentos da Ditadura. Non pode acabar ese percorrido sen os escenarios asociados á Semana Lorquiana, unha iniciativa que logrou pór en marcha no Museo, "o seu soño feito realidade, o máximo da súa relación co Museo". A súa pegada será indeleble no Museo e na súa cidade, porque, tal e como lembrou o seu inseparable amigo, "Charlie era unha persoa moi de Pontevedra, cando estivo en Santiago, parecía que estaba exiliado". E defensor incansable de causas sociais na cidade como a loita contra a permanencia de Ence en Lourizán. [galleries:vertical:10738]