O Auditorio Emilia Pardo Bazán inicia a segunda edición do programa "Sanxenxo no foco" con tres propostas culturais para todos os gustos e idades durante o mes de xaneiro, tras o éxito colleitado en 2025. Organizado pola Concellería de Cultura e Eventos, a iniciativa busca ofrecer a veciños e visitantes espectáculos de calidade e accesibles, con teatro, música e experiencias visuais nun mesmo espazo. A programación comeza o sábado 17 de xaneiro, ás 18:00 horas, con "Os fabulosos cleaners", un espectáculo familiar cheo de pompas de xabón, maxia e humor escénico. O prezo é de 5 euros por entrada. O sábado 24 de xaneiro será a quenda de "Verso a verso", un recital que reúne á actriz Charo López, ao barítono Luis Santana e ao pianista Víctor Carbajo, nunha velada dedicada á lírica e á poesía españolas. As localidades para este evento están dispoñibles por 12 euros. A proposta despídese o 31 de xaneiro coa obra "Bernarda", unha creación de Jose Prieto, que traslada ao público á Galicia rural de 1975, en plena transición. Nesta obra abórdanse o loito, a represión e o cambio social a través dunha ollada teatral auténtica. A función comezará ás 20:30 horas e a entrada custa 5 euros. As entradas para os tres espectáculos xa están dispoñibles na plataforma Ataquilla.