Piden máis de sete anos de prisión e multas de 240.000 euros ao ser interceptados con máis de 2 quilos de cocaína

Wait 5 sec.

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra acolle esta semana o xuízo contra tres homes, acusados pola Fiscalía de graves delitos contra a saúde pública relacionados co tráfico de drogas. O Ministerio Fiscal solicita para dous deles penas de sete anos e seis meses de prisión e a imposición de multas proporcionais de 240.000 euros tras ser interceptados en Caldas de Reis e Abegondo en febreiro de 2024. Ambos portaban, no momento da detención por axentes da Policía Nacional, máis de dous quilogramos de cocaína de alto grao de pureza, diñeiro presuntamente de vendas previas e anotacións que aluden a diferentes puntos de encontro na comarca. O terceiro home, detido na Coruña en xuño de 2024, enfróntase a tres anos e seis meses de prisión e unha multa de 700 euros, tras atoparlle a Policía no seu domicilio diversas cantidades de tapentadol, diazepam, clonazepam, ketamina e MDMA. Tamén se atoparon instrumentos para a manipulación e envasado, diñeiro en efectivo e unha pistola de aire comprimido, destinados segundo a Fiscalía ás súas operacións de venda ilícita. O valor estimado da droga incautada supera os 71.000 euros no mercado almacenista no caso da cocaína, e preto de 328 euros en doses dos psicotrópicos achados na Coruña. Tras as detencións, os acusados foron ingresados inicialmente en prisión provisional, aínda que dous deles lograron a liberdade tras o pago de fianzas. A Fiscalía pide ademais o comiso dos vehículos, teléfonos, diñeiro e efectos intervidos durante a operación.