Cambados e O Grove amarran a súa frota en protesta polo novo control pesqueiro europeo

Wait 5 sec.

A frota de Cambados e O Grove permanecerá amarrada a porto en sinal de protesta durante a xornada deste luns. Estas confrarías decidiron levar a cabo un paro en resposta á entrada en vigor, o sábado 10 de xaneiro, do novo Regulamento Europeo de Control da Pesca. Como acto central da protesta, armadores e tripulacións concentraranse ás 12:00 horas no peirao de Tragove para visibilizar o seu rexeitamento a unha normativa que consideran allea á realidade da pesca de baixura, segundo indica o Diario de Arousa. O malestar fundaméntase nas novas obrigans técnicas e administrativas que deben cumprir as embarcacións de máis de 12 metros de eslora. Sinalan que a partir do sábado están obrigadas a comunicar a entrada a porto con dúas horas e media de antelación, unha marxe que o sector considera incompatible cos tempos de traballo nas rías. Tamén deben rexistrar quilo a quilo todas as especies capturadas e enviar o peso real antes de desembarcar. Ata agora, só era obrigatorio informar de capturas superiores a 50 quilos; co novo sistema, non hai excepcións. Os barcos, ademais, están obrigados a anotar o lugar exacto de captura de cada unha das especies, que no caso da pesca artesanal poden chegar a ser ata quince diferentes nunha soa xornada. A estas medidas súmase a necesidade de adquirir computadores e sistemas de pesada de alta precisión a bordo para evitar as fortes sancións derivadas de calquera variación nas cifras. O sector denuncia que o regulamento aplica criterios similares a barcos de 12 metros que a grandes buques de 80 metros, malia que as embarcacións menores non dispoñen de persoal administrativo nin espazo suficiente para xestionar ese volume de comunicacións. Esta mobilización conta co respaldo da Federación Provincial de Confrarías, que demanda a revisión da normativa para que se adapte á operativa diaria da pesca de baixura en Galicia, atendendo ás súas especiais circunstancias. Porto de Tragove en CambadosConcello de Cambados - Arquivo